Opinión

Tres anos

Esta semana fanse tres anos do confinamento, e non saímos mellores. Se daquela nos preguntasen a cada un de nós como sería a nosa vida tres anos despois, as respostas serían do máis diferentes. Estaban os que pensaban que iamos vivir nunha eterna pandemia a partir dese momento, con máscaras e medidas de distancia social que se integrarían como parte estable das nosas rutinas. Estaban tamén quen crían que eran tres meses e despois, volta á normalidade, á vella normalidade, a de antes. Neste 2023 parece que estamos máis preto da vella normalidade que dun escenario postapocalíptico, aínda que a min a máscara aínda me acompañe no día a día, igual que ao resto de sanitarias. Eu era das moderadamente optimistas, non cría que unha vez pasado o confinamento o virus fose desaparecer, pero tampouco que se fosen suceder infinitas épocas de reclusión. Imaxinaba unha situación semellante á da gripe de 1918, con sucesivas ondas cada vez máis leves, e máis ou menos acertei. 

Onde errei estrepitosamente foi na miña sensación de que a pandemia serviría para concienciar a poboación e as administracións da importancia da sanidade pública. Tres anos despois, estamos nunha situación moito peor que a de 2019, e con moitas menos posibilidades de mellora. A pesar dos plans, as homenaxes e os aplausos, as condicións laborais non fixeron máis que empeorar, especialmente para as compañeiras de Atención Primaria, aínda que as outras especialidades non nos salvamos. Paralelamente, e non de casualidade, os seguros privados non deixan de ofertar "atención personalizada", "chamámoste polo teu nome e ti sabes o nome do teu médico" e lemas polo estilo. Porque na atención pública volveuse normal sentirse un número, non coñecer a túa médica de cabeceira e que ela non te coñeza a ti. Precisamente o que debera caracterizar a atención primaria, a proximidade, a inmediatez e a familiaridade son as condicións VIP que agora ofrecen as aseguradoras privadas. 

Así que non, da pandemia non saímos mellores, nin máis fortes a nivel sanitario. Non nos ensinou que a saúde é un ben colectivo que cómpre defender colectivamente, nin que é un dos maiores factores de protección social. Outros axentes, pola contra, aprenderon e tomaron moi boa nota de cales son as cousas polas que estamos dispostas a pagar.

Comentarios