Opinión

Traballo e saúde mental

Di o líder das Novas Xeracións dun partido político que traballar moito e gañar pouco non afecta á saúde mental. Pregúntome onde fixo a residencia en psiquiatría ou psicoloxía esta persoa, porque manexa datos cando menos sorprendentes, afastados do coñecemento do resto de profesionais.

A dereita utiliza o traballo duro como unha receita infalible para acadar a prosperidade, apoiada en historias de superación sobre empresas multimillonarias fundadas en garaxes. O que non din é que a maior parte deses garaxes son de mansións de luxo de familias que poden permitirse financiar os experimentos económicos dos seus fillos. Tampouco contan nunca a historia das empregadas do fogar, xornaleiras ou camareiras que traballan durísimo durante horas interminables pero que aínda así continúan pobres.

O que sabemos de certo é que as malas condicións laborais, resumidas precisamente en traballar moito e gañar pouco están na base de moitos dos trastornos mentais que chegan ás nosas consultas. Traballar moito e gañar pouco tradúcese en pobreza e precariedade, que son as principais causas modificables de trastornos mentais. Implica tamén alimentarse peor, ter menos ocio e de peor calidade, menor tempo en familia, máis tempo de pantallas e menor actividade física. As malas condicións económicas empeoran a saúde mental, pero tamén a física. Por isto é alarmante a idea de que sexan as mutuas laborais as responsables de atender as continxencias da poboación activa, porque o seu cometido non é coidar da nosa saúde, senón que sexamos produtivos.

O traballo precario, con horarios prolongados e repetitivo ocasiona patoloxías propias, que as mutuas tratan de que non repercutan economicamente na empresa. Vai ser difícil que unha empresa privada recoñeza como enfermidade laboral unha hernia discal, por exemplo, pola que terá que facer fronte aos gastos que xere ese empregado. Polo tanto, quen valora a responsabilidade da empresa contratante é a propia empresa, que se erixe en xuíz e parte.

O traballo pode ser fonte de realización persoal, socialización e sentido de comunidade, pero as xornadas prolongadas e os baixos salarios (traballar moito e gañar pouco) son un dos principais factores que empeoran a saúde mental das clases traballadoras. Quen di o contrario é porque nunca traballou.

Comentarios