Opinión

Traballo e enfermidade mental

Tras a progresiva precarización das condicións laborais dende 2008, a nova crise que estamos vivindo empeorou aínda máis a situación social. Porén, non todo o mundo se ve afectado por igual, e hai grupos especialmente vulnerables e excluídos do eido laboral. Para as persoas con trastornos mentais, as cifras de paro superan o 80%. O trastorno mental é un motivo de expulsión inmediata e fulminante do mercado laboral, en parte polo estigma que arrastra, en parte porque son condicións que se adaptan mal á lóxica capitalista, baseada no presentismo e nas xornadas prolongadas. Se unha persoa, aínda estando estable, precisa solicitar permiso para acudir á súas revisións de saúde mental, poñamos unha vez ao mes, as súas posibilidades de ser despedido son enormes. Iso no mellor dos casos. Que acontece entón con trastornos que poden comportar baixas máis ou menos longas, aínda que o resto do tempo sexan persoas completamente funcionais? E aquelas persoas que, por causa do seu trastorno, padecen algunha limitación psíquica, pero si poderían desenvolver certas ocupacións? Por suposto, non hai espazo para eles.

Ademais, o trastorno mental grave desenvólvese a maior parte das veces nas primeiras etapas da vida adulta, polo que os afectados en xeral non chegaron a ter unha actividade laboral continuada e polo tanto non cotizaron case nada. Temos entón adultos novos, con incapacidades laborais absolutas e pensións miserables, ou ben aos que non se lles recoñece esta condición porque realmente non é tal. É unha eiva do tecido social e laboral á hora de amosar flexibilidade coas características de certos individuos. 

Nunha contorna laboral cada vez máis salvaxe, precaria e deshumanizada, fanse necesarios recursos de emprego protexido. Isto non significa máis que postos de traballo que operen á marxe da lóxica en modo “picadora de carne” da contratación “normal”. Protexido non quere dicir voluntario, ou sen ánimo de lucro. Só que as condicións nas que se desenvolven respectan e adáptanse ás características de persoas con trastornos mentais. Se cadra, se as condicións xerais do emprego fosen máis razoables, se se cumprisen as leis e se derrogase última reforma laboral isto non sería necesario, ou non para todo o mundo. 

Comentarios