Opinión

Tempo e clima

As variacións na temperatura destas últimas semanas son propias da primavera, a pesar de que nos deixen sumidas no desconcerto de saír da casa con abrigo e volver a mediodía en camiseta, para volver precisar roupa de abrigo unhas horas despois. A expresión “cambio climático” está estes días en boca de moita xente para referirse a estes cambios bruscos, pero en realidade trátase de procesos que non teñen nada que ver... Ou si?

A diferenza entre tempo e clima é principalmente temporal. Mentres que o tempo son as variacións no estado atmosférico que suceden en días ou horas, con clima referímonos a procesos que se desenvolven ao longo de séculos ou milenios. Por exemplo, o clima do noso planeta sufriu cambios dramáticos, como glaciacións, e eras tépedas como o xurásico, onde todo o globo era tropical, pero que se desenvolveron ao longo de miles ou millóns de anos.

Polo tanto, houbo xa moitos cambios climáticos antes do actual. A diferenza é que este que vivimos está provocado, totalmente ou cando menos en moi boa parte, pola acción humana, e afectará irrevogabelmente ás condicións de vida da nosa especie. Xa o está a facer, de feito.

Entón, que relación hai entre tempo e clima? No clima actual, o que nos estamos cargando aos poucos, Europa goza dun clima tépedo, con veráns máis ou menos calorosos e invernos benignos. Ao aumentar as temperaturas, os invernos tenden a ser cada vez menos fríos e os veráns cada vez máis quentes. Dende que hai rexistros, hai aproximadamente 150 anos, a temperatura global aumentou medio grao, e nas últimas décadas cada verán é o máis cálido rexistrado ata o momento. Outra consecuencia é que os sucesos meteorolóxicos bruscos son máis violentos e máis frecuentes, e as variacións estacionais, máis marcadas. Estes cambios de tempo (que non de clima) propios da primavera poden tender a intensificarse, aínda que non dan a medida da magnitude do cambio climático que estamos a padecer, nin forman parte del. O clima é algo moito máis profundo, permanente no tempo e crucial para a nosa existencia no planeta que calquera tormenta de primavera, e mesmo que calquera tornado, tifón ou tsunami.

Comentarios