Opinión

Teares e computadoras

Hoxe fanse 205 anos do nacemento de Ada Lovelace, considerada a pioneira da programación informática. Ada foi unha nena de fráxil saúde que non chegou a coñecer o seu pai, o poeta Lord Byron, pero que dispoñía dunha posición económica desafogada. Isto permitiulle estudar moito máis aló do que era habitual para unha muller da súa época, incluso dentro da aristocracia. Xa no inicio da xuventude, trabou amizade co matemático Charles Babbage, que na altura traballaba na idea dun mecanismo capaz de realizar cálculos complexos, a chamada máquina diferencial.

Ada intercambiou correspondencia con el, nela describe un método de programación baseado en tarxetas perforadas, inspiradas nas que empregaban os recentemente inventados teares mecánicos. Considérase que estas descricións conteñen o que pode considerarse o primeiro algoritmo para unha computadora, e de feito as primeiras máquinas calculadoras modernas empregaron o método das tarxetas perforadas suxerido por Lovelace.

Cando se fala de mulleres responsables de achegas científicas, adoita resaltarse o excepcional da súa figura, o pouco frecuente ou pouco probable que resulta que unha muller, en condicións tan adversas, realice tales descubrimentos. Isto é certo en parte, pero sinalar as evidentes dificultades ás veces contribúe a escurecer o feito de que, se ben minoritarias, as mulleres na historia da ciencia non constitúen nin moito menos unha excepción. Arredor de Ada existía unha rede de personalidades brillantes, moitas delas mulleres, interesadas dalgún xeito nas matemáticas e na tecnoloxía. A súa propia nai, Anna Milbanke, recibiu unha extensa formación en matemáticas e astronomía, que quixo proporcionar tamén á súa filla. Outra importante influencia foi Mary Somerville, unha famosa matemática hoxe convenientemente esquecida, que exerceu como titora da adolescente Ada. No seu círculo tamén se atopaba Mary Shelley, moi interesada no desenvolvemento técnico do seu momento, que tratou dende o punto de vista literario no seu Frankenstein.

A pesar da discriminación, o afastamento e as dificultades, a historia das mulleres na ciencia non é un relato de individualidades excepcionais. É unha historia de comunidades, de lazos e de fíos que se trenzan como os do tear mecánico que inspirou a Ada.

Comentarios