xoves 01/10/20

Suicidio

Hai pouco preguntáronme se pensaba que o suicidio era un tema axeitado para tratar con rapaces e rapazas de ensino secundario. Ben, os rapaces de secundaria suicídanse, respondín. Ante o escándalo e a incredulidade do meu interlocutor, os datos son concluíntes. O suicidio é a primeira causa de morte violenta na Galiza, por diante dos accidentes de tráfico. Entre as persoas de 15 a 24 anos, é a terceira causa de morte máis frecuente. Do mesmo xeito que hai campañas de prevención de accidentes de tráfico ou de promoción de hábitos saudables non debera haber campañas de prevención do suicidio? Como sempre que se fala de saúde mental, aparece o estigma condicionando a nosa actitude e as políticas públicas. Hai varias ideas falsas sobre o tema que se dan cita para dificultar enormemente as tarefas de prevención:

1. A falsa crenza de que falar ou informar sobre o suicidio xera máis suicidios. O que pode aumentar o suicidio é informar sobre el de xeito sensacionalista, romantizalo ou presentalo como algo extraordinario, repentino e inevitable, ou peor aínda, como unha decisión racional ante unha situación vital. Existe, efectivamente, o suicidio racional, pero non é nin frecuente nin significativo a nivel poboacional. Na inmensa maioría dos casos, un suicidio é o resultado fatal dunha doenza mental ou dunha serie de factores e circunstancias de vida que deben ser abordados dende o psicosocial.

2. A idea de que quen desexa suicidarse faino sen avisar e quen fala disto quere "chamar a atención". A realidade é que unha grande proporción das persoas que consuman un suicidio buscaron axuda antes, ben no sistema médico, ben na súa contorna. Esta axuda, por diversos motivos, non resultou eficaz.

3. Crer que preguntarlle a alguén se pensou en suicidarse induce ao suicidio. Esta idea é particularmente absurda e ao mesmo tempo moi estendida: induce ao roubo preguntarlle a alguén se roubou? Unha persoa que non ten ideas suicidas non vai comezar a telas por preguntarlle, pero se si as ten, pode ser a primeira oportunidade para expresalas libremente.

4. O feito de asociar o suicidio a categorías morais: falar de "valor", "covardía", "bo" ou "malo" non é axeitado para tratar este tema e só contribúe a estigmatizar e humillar ás persoas que poden ter ideas suicidas e dificultar aínda máis que o comuniquen.
O 10 de setembro celébrase o Día Mundial para a Prevención do Sucidio.

comentarios