martes 15/06/21

Síndrome de Estocolmo pandémico

Agora que parece que comezamos a albiscar a luz ao final do túnel grazas ás vacinas, semella que non acabamos de crelo. É certo que xa a primavera pasada tivemos un falso respiro para despois volver a unha situación aínda peor, pero no momento actual as circunstancias son outras. Non estamos xa a expensas de como se comporte o virus de xeito natural, senón que estamos tomando medidas activas para contelo. Por que, entón, moita xente ten esta sensación de que seguimos mal, de non querer que isto remate, como un secuestrado que se afai ao seu secuestro e desenvolve síndrome de Estocolmo?

Creo que se dan cita aquí varios factores. En primeiro lugar, o medo vende. Moitos medios de comunicación, obsoletos nas súas dinámicas e en caída libre de vendas e espectadores, viron na pandemia un balón de osíxeno. É previsible que continúen espremendo esa alarma todo o que sexa posible, facendo gala da nula responsabilidade que amosaron durante todo este tempo.

Por outra, para moitas persoas vai ser difícil adaptarse de novo a situacións que durante máis dun ano se percibiron como perigosas. Se o espazo seguro pasa a reducirse ao noso fogar e calquera contacto ou actividade fóra deste supón un risco, e aínda peor, unha irresponsabilidade, iso vai ser complicado de reverter. Aquí as características de personalidade individuais tamén xogarán un papel importante. Por exemplo, persoas que xa previamente tivesen trastornos de ansiedade ou agorafobia poden ter dificultades en retomar actividades no exterior ou con outra xente. Poden sobrevalorar o risco porque inconscientemente asumimos que algo que nos provoca ansiedade é algo perigoso, e non sempre ten que ser así

Por último,  hai xente para a que a pandemia foi o seu momento de brillar. Os típicos corvos de todos os grupos familiares, os que levaban vinte anos avisando de que o mundo acababa e de innúmeras desgrazas por vir, por fin tiñan razón en algo. Por fin previron unha catástrofe que, por pura estatística, acabou pasando. A estes vailles ser difícil asumir que rematou este momento de gloria e seguen buscando variantes do virus que non van ser sensibles ás vacinas e van traer unha cuarta ou quinta onda aínda peor que as anteriores. Só para poder dicir que eles avisaron primeiro. Non podemos actuar como se a pandemia fose cousa xa do pasado, pero existen motivos fundados para o optimismo.

comentarios