Opinión

Seitas 2.0

A semana pasada comparaba o pensamento negacionista da pandemia co de certos grupos relixiosos. Poderíase levar a comparación un pouco máis lonxe, e describilos realmente como unha seita? De entrada, a palabra seita ten unha connotación que ten que ver co pensamento relixioso clásico, que necesariamente inclúe unha compoñente mística ou esotérica. Pensamos nunha comunidade relixiosa que comparte unha idea de divindade, de vida despois da morte ou algo semellante. Porén, existen grupos articulados ao redor doutro tipo de ideas que xorden no século XXI e que non teñen esta vertente.

Nun mundo cada vez máis laico e que rexeita cada vez máis o pensamento máxico, o misticismo pode non ter atractivo para moita xente, polo menos na súa versión máis tradicional de anxos, demos, deuses e outros seres sobrenaturais. Un bo exemplo de “seita laica” son os gurús da medicina alternativa, especialmente nas súas formas máis extremas, que promulgan a curación a través da mente do cancro e outras doenzas orgánicas. Para estes individuos, unha enfermidade sería unha sorte de erro de percepción ou de actitude, e podería reverterse modificando esa mesma actitude. Para isto, poden coaccionar os seguidores para que se separen das súas familias, abandonen outro tipo de tratamentos e, por suposto, realicen xenerosas doazóns á causa.

En resumo, o comportamento clásico dunha seita. Noutros estados europeos, certos grupos desta tendencia enfrontáronse a xuízos e incluso penas de cadea para algúns dos dirixentes. O caso dos negacionistas da covid ten moito menor percorrido temporal, e polo tanto non se pode facer unha predición do que vai acontecer con eles, pero o certo é que comparten varios trazos destas outras seitas 2.0. Por unha banda, a ausencia de retórica sobrenatural e a súa substitución por temas relacionados coa saúde e a enfermidade. Por outro, a existencia de “gurús” ou ideólogos que marcan as pautas a seguir dentro do movemento, se ben non como un dogma, si como unha idea xeral.

Por último, o apelo á liberdade individual e á capacidade do suxeito, por si só e alleado da sociedade, para buscar a solución para a súa propia doenza. Xa non hai vontade divina nin plan celestial, senón grandes poderes económicos ocultos operando na sombra. As forzas demoníacas son substituídas por individuos con traxes caros e as cohortes anxélicas por agricultores biodinámicos.

Comentarios