Opinión

Seguro, san e consensual (II)

Na serie Beastars, que puxen como exemplo a semana pasada, formúlase a situación seguinte: a protagonista, unha coelliña anana, mantén relacións sexuais con varios individuos doutras especies, algúns deles carnívoros. Isto último considérase nese universo unha práctica sexual aberrante. Non se entra a xulgar se a rapaza consinte ou non tal práctica, porque queda claro na trama que é completamente voluntario e desexado, senón a práctica en si. Como espectadores, resúltanos moi doado empatizar con ela porque vemos este tabú como absurdo, pero dentro da serie os argumentos para xustificalo soan inquedantemente familiares: vai contra a natureza, somos diferentes deles, é perigoso.

O pensamento conservador tende a valorar as relacións sexuais como lícitas ou non baseándose en dous parámetros: por unha banda, o tipo de práctica, e por outro, a relación entre as persoas que interveñen nela. Ata hai relativamente pouco tempo, non se contemplaba a posibilidade de que existise violación dentro do matrimonio. O consentimento dálles igual, ou polo menos non é o principal. Parécelles moito peor unha práctica consensual e desexada entre adultos libres que un abuso sexual ou incluso unha violación, sempre que sexa xenital e heterosexual. Por este motivo é importante non deixar que este tipo de ideoloxía desvíe o noso foco. Presentando prácticas estrañas, chocantes ou que poden resultar desagradables a certas persoas conseguen que nos sintamos desconfortables coa idea de realizar certa conduta, independentemente de se é ou non consentida. Incluso, podemos chegar a pensar que ninguén consentiría tal cousa, e polo tanto ten que ser forzada. Aquí é onde debemos realizar un exercicio de empatía. A empatía real non consiste en pensar como me sentiría eu nesa situación, senón en tratar de comprender como se está sentindo esa persoa, ou polo menos en aceptar que hai persoas que poden ter sensibilidades moi diferentes e todas elas lexítimas. As clasificacións psiquiátricas eliminaron xa do capítulo de parafilias case todas as condutas sexuais que non implican risco grave ou colisionan coa liberdade sexual doutras persoas (salvo o travestismo, o cal me parece ridículo e anacrónico). Isto reflicte un cambio social no que poñemos a liberdade das persoas por riba dos seus gustos e preferencias, independentemente de que os compartamos ou non.

Comentarios