Opinión

Seguro, san e consensual (I)

Na serie Beastars, que recomendo encarecidamente, formúlase un mundo no que animais carnívoros e herbívoros conviven en harmonía. Pero como nunha versión sinistra de Disney, imos vendo como as contradicións inevitables desa sociedade van saíndo á luz. Os herbívoros non son necesariamente máis febles que os carnívoros (un cervo comparado cunha lontra, por exemplo), pero hai cousas na súa conduta e sobre todo na idea que teñen de si mesmos que os fan estar en evidente desvantaxe. O punto álxido desta visión aparece cando se descobre que existe un mercado negro de carne onde algúns herbívoros chegan a vender partes do seu corpo. Nesta metáfora podemos recoñecer moitas das dinámicas socias que padecemos na realidade, tamén a cuestión do consentimento. Consentir unha situación non é sempre equivalente a desexala e o consentimento non é dicotómico, todo/nada, senón que pode ter diversos graos, diversas circunstancias que o condicionen.

Cando leo na prensa que unha persoa interpuxo unha denuncia por lesións con arma branca para retirala despois porque a lesión foi consentida, pregúntome en primeiro lugar por ese consentimento. Había algunha circunstancia que puidese condicionalo ou incluso facer que non sexa tal? Aquí, na cuestión da voluntariedade, é onde debemos poñer o foco.

A tentación de xulgar unha determinada práctica sexual é moi forte, e os medios están encantados de que así sexa. Porén, facer categorías sobre que actividades son ou non lexítimas, normais ou saudables encerra un risco evidente, porque non importa con canto coidado e sentido común tracemos esa liña, haberá quen queira destorcela para estigmatizar de novo ás persoas pola súa sexualidade. No caso que nos ocupa, non é casual que a vítima sexa unha persoa LGBTIQ, sobre as que sempre paira o prexuízo de realizar prácticas extremas, perversas ou perigosas. Non esquezamos a campaña mediática sobre o chem-sex que vivimos non hai moito, como se as persoas heterosexuais non consumisen drogas en contextos sexuais. Por extrema, estraña ou incluso perigosa que sexa a práctica en si, o que debemos preguntarnos é: foi consensual? E se a resposta é si: houbo algún elemento que puidese viciar ese consentimento, incluída a necesidade económica extrema, como os herbívoros de Beastars? Se a resposta volve ser afirmativa, entón temos un problema.

Comentarios