Opinión

Saúde mental oracular

Como vai afectar a actual situación á saúde mental das persoas? Esta é a pregunta que nos fan unha e outra vez aos profesionais dende que empezou o confinamento decretado polo goberno, e cada vez con máis frecuencia a medida que este se prolonga. A única resposta honesta é que non o sabemos. Non se deu nunca na historia da humanidade unha situación como a que estamos a vivir, coas súas cousas malas e as boas, que tamén as ten. Moitas de nós estamos preocupadas polas repercusións da crise económica que xa se está a producir, e que podemos albiscar por comparación con outras previas, como a de 2008. Porén, os efectos psicolóxicos do confinamento en si son completamente descoñecidos. Un peche global, que afecta á totalidade da poboación, pero que por outra banda mantén tanto as subministracións e o acceso a servizos esenciais, e en certa medida tamén a comunicación grazas aos medios tecnolóxicos, é unha situación completamente nova. Escoitei comparanzas con estados de guerra ou fames como a de Holanda durante a Segunda Guerra Mundial, e non me poden parecer máis desacertadas. Tampouco a gripe de 1918 provocou as mesmas consecuencias sociais, nin a pandemia do VIH, que non ten nada que ver coa COVID-19 nin en canto ao xeito de contaxio nin ás medidas que se tomaron para evitar a súa dispersión. Ver profesionais da saúde mental facer predicións sobre que o equilibrio mental das crianzas se verá comprometido, ou que se vai producir “agorafobia” cando finalice o estado de alarma prodúceme a mesma sensación que mirar as canles nas que botan o horóscopo. Ou ben se trata de xeneralidades sen ningún contido (vai haber algún tipo de repercusión, obviamente) ou ben son exercicios de adiviñación oracular. A única declaración seria e fundada debera ser que non o sabemos, pero que estaremos aquí para abordar os problemas que vaian xurdindo. Obviamente, todas temos a nosa opinión ou estamos máis preocupadas por algún aspecto concreto, pero se somos consultadas deberíamos tratar de deixar claro que se trata diso, dunha opinión. Cando somos requiridas en calidade de expertas, é necesario marcar a diferenza entre o coñecemento científico existente no momento actual e as nosas opinións, que poden ser as dunha persoa con formación específica e polo tanto con máis fundamento, pero que non deixan de ser iso: opinións. Non as convertamos en horóscopos.

Comentarios