Opinión

Respostas

Polas peores razóns posibles estamos a asistir en directo, nun tempo real vertixinoso e televisivo, ao funcionamento da ciencia, e ao noso arredor moita xente amósase desbordada e confusa. Que o mesmo experto que hoxe di unha cousa mañá diga outra diferente non é falta de rigor, nin pouca profesionalidade, nin sequera é necesariamente malo. Conforme se obteñen datos novos o consenso científico sobre un tema pode e debe cambiar, porque non se trata de crenzas nin de fe, como moitas veces se sostén dende posicións anticientíficas. Se a ciencia fose realmente a nova relixión, existirían dogmas, verdades eternas, seitas e herexías. Por suposto que a ciencia non é neutra, está feita por persoas que teñen efectivamente crenzas, e nalgúns casos incluso relixións, pero o que fai o método científico radicalmente diferente doutros tipos de pensamento é precisamente que esas crenzas, na medida na que afectan ao tema de estudo, están continuamente postas en cuestión.

Ver alguén con categoría de “experto en” dicir “non sei” ou “non hai datos suficientes” debera ser completamente normal, pero a actual emerxencia sanitaria está a expoñer a toda a poboación ao discurso da ciencia, ao que non están afeitos porque nunca se visualizou en ningún medio de comunicación. O único discurso que coñecemos e que nos resulta familiar é o das crenzas. As crenzas relixiosas, políticas ou de calquera outro tipo, aquelas que “son todas igual de válidas” e non poden ser atacadas porque “é a miña opinión”, cando non porque acabas no xulgado por ofensa aos sentimentos relixiosos. No discurso das crenzas danse argumentos, pero raramente se empregan datos máis que para apoiar unha posición determinada previamente. Sería imposible ver un dirixente político declarar que, á luz dos datos máis recentes, modifica as súas posicións. Isto en ciencia pasa continuamente, xa que é o xeito normal no que se xera coñecemento. Porén, o público afeito ás posicións dogmáticas da crenza interpreta un cambio de postura ao abeiro de novos datos como unha alarmante falta de coherencia. Queremos certezas en situacións de alta incerteza. Queremos que alguén saiba que facer antes incluso de ter datos sobre o que está a acontecer. En realidade, todas as respostas das que dispoñemos serán sempre máis ou menos parciais, máis ou menos provisionais. De non ser así moi probablemente son falsas.

Comentarios