Opinión

Responsabilidade individual

A semana pasada falaba do desbordamento da Atención Primaria durante a pandemia, e cando escribo isto acábase de aprobar un novo estado de alarma. Unha das medidas estrela parece ser o toque de recoller nocturno, pola incidencia sobre os contaxios do ocio nesa franxa horaria. Non vou entrar a opinar sobre a medida concreta porque non son epidemióloga, pero hai outra consideración de carácter xeral que me gustaría sinalar.

Durante toda a desescalada, o énfase colocouse na responsabilidade individual dunha poboación que viña dunha situación inédita de restrición de liberdades. Ademais, non só na responsabilidade no cumprimento de normas sanitarias, que sempre defenderei, senón situando a suposta responsabilidade na restrición voluntaria de actividades permitidas. A énfase no “ocio” (nocturno ou diúrno) engloba actividades propiamente lúdicas pero tamén a sociabilidade mínima e normal consistente en ver en persoa amigos e familiares que estiveran lonxe durante meses. A criminalización, como xa dixen noutros medios, de calquera actividade non produtiva.

Da amizade, da vida familiar, dos afectos. O máis grave é que esta insistencia na responsabilidade individual, tan do gusto do neoliberalismo, enmascara unha falta de medidas colectivas que raian na psicopatía. Nin aumento de medios no ámbito estritamente sanitario nunha situación completamente extraordinaria, nin inspeccións rigorosas en empresas que aglutinan  moitos traballadores en espazos reducidos, nin aumento tampouco de persoal na administración para atender a avalancha de chamadas, solicitudes e peticións, tanto nos centros sanitarios como noutras instancias. Tampouco se dotaron outro tipo de medidas que reducirían as aglomeracións, como un aumento na frecuencia dos transportes públicos, nin se reforzaron aqueles relacionados co coidado de persoas dependentes, como se viu na situación dramática vivida nas residencias.

Así, cos mesmos medios que antes da pandemia, preténdese resolver un problema dramático, pero ademais a  responsabilidade, a culpa, será das cidadás se non se logra. A culpa é túa por ir comer nun bar, por ver aos teus pais, por ir á praia no verán. A sanidade desbordada, a administración que non da a basto, o transporte público lotado e a falta de medios non teñen nada que ver.

Comentarios