Opinión

Reserva cognitiva

Na semana das Letras Galegas, a todas nos preocupa especialmente a saúde do galego, que non anda moi aló ultimamente. Imos probar hoxe a darlle a volta á pregunta e interrogarnos, non sobre que podemos facer nós pola saúde da lingua, senón que fai a lingua pola nosa saúde. 

Como seguramente xa saberedes, ser quen de falar dúas ou máis linguas mellora a saúde do noso cerebro e protexe contra a perda de capacidades cognitivas que supón o envellecemento. Tamén atrasa a aparición de enfermidades neurolóxicas como o Alzheimer. Como é isto posible?

Diversos estudos demostraron que as persoas bilingües desenvolvían máis tardiamente trastornos neurocognitivos que aquelas que falaban un só idioma, e isto parece deberse á reserva cognitiva. Este concepto fai referencia a todo o coñecemento e ás capacidades que adquirimos ao longo das nosas vidas.

Aprender a tocar un instrumento, xogar ao xadrez, estudar unha disciplina ou practicar un deporte aumentan a nosa reserva cognitiva. O cerebro non deixa nunca de cambiar e modificarse ao recibir nova información, ser exposto a novos estímulos e coñecer cousas novas. Non hai tampouco unha idade límite para ampliar a nosa reserva cognitiva. Nunca somos "vellas de máis" para aprender algo novo. 

Concretamente, falar máis dunha lingua implica toda unha serie de procesos complexos a nivel mental que fan que o noso cerebro se manteña novo e flexible.

Non só se trata do coñecemento sobre gramática, ortografía ou vocabulario propio de cada unha delas, senón que son necesarios toda unha serie de procesos que denominamos executivos, e que son os responsables de emitir determinada conduta, neste caso falar galego. É necesario monitorear constantemente as escollas e inhibir as propias dos outros idiomas que poidamos coñecer, e isto é algo que o cerebro fai en modo automático, sen que nos decatemos. 

E hai máis. Non todas as persoas bilingües son igual de bilingües. Os estudos tamén apuntan a existencia dun continuo, no cal se beneficiarían máis da protección que confire o bilingüismo aquelas persoas que fan un uso máis activo das linguas que coñecen. Unha persoa que entende galego pero que non o fala notaría menos efecto beneficioso que unha que cambia de xeito activo entre ambas. As persoas que temos a sorte de aprender de xeito natural dúas linguas temos un auténtico tesouro cognitivo. Só temos que exercitalo.

Comentarios