Opinión

Razas

Unha das cousas que máis arrepía do tratamento que se está a facer do conflito ucraíno é o racismo que se percibe nalgunhas das informacións que recibimos. De xeito velado ou aberto transmítese a idea de que compartimos coas persoas de Europa do leste un factor denominado raza que nos fai máis semellantes a elas que a outras persoas do planeta. O feito racial parece ser algo evidente e indiscutible que todo o mundo percibe e que forma parte da realidade material.

A cantidade de melanina que produce a nosa pel ou o xeito no que se estrutura a queratina do pelo define algo dunha persoa? Poderíamos dicir que un gato branco e un gato negro pertencen a razas diferentes? Non estou tratando de argumentar en contra da discriminación, senón de explicar que o concepto mesmo de raza aplicado aos seres humanos non ten sentido dende o punto de vista científico.

A diferenza xenética entre dúas persoas a ambos lados do mediterráneo é mínima, e moitísimo menor que a que aparece cun individuo de Europa do leste. Do mesmo xeito, a cor de pel é un continuo xeográfico no que non existe unha división clara. A proba doada para comprobar isto é como cada cultura define diferentes grupos raciais dependendo dunha percepción puramente subxectiva. En Estados Unidos  poden considerar "latino" a un arxentino louro e de ollos azuis mentres que en Xapón a diferenza racial cos coreanos é evidente, aínda que nós non a percibamos. A nivel xenético, non ten sentido falar de razas humanas. A especie humana é, ademais, especialmente homoxénea en comparación con outras especies animais, entre outros motivos porque se deu unha grande extinción nun momento do noso pasado remoto que fai que derivemos dun grupo moi pequeno de individuos.

A este fenómeno coñéceselle como o "pescozo de botella xenético".  Houbo outras razas humanas, como os neandertais, dos que aínda mantemos acervo xenético. Trazos que nos parecen propiamente europeos, como os ollos claros, apareceron nun momento relativamente recente da nosa historia e son moi minoritarios nas poboacións, fundamentalmente porque non achegan ningunha avantaxe evolutiva e poden ser incluso unha eiva. Ter actitudes diferentes cara ás persoas baseándose no concepto de raza xa non é só que sexa moralmente reprobable e inaceptable en sociedades democráticas, senón que sinxelamente non ten sentido, porque non apela a nada real.

Comentarios