Opinión

Radiación

Hai un par de semanas viamos como se volveu reactivar a paranoia do 5G, a partir dunha idea errónea que xa rondaba polas redes: a de que a wifi e os teléfonos móbiles causan alteracións na saúde humana. Porén, nin o cancro nin outros cadros como a sensibilidade electromagnética, un padecemento de orixe mental, poden ser causados por estas ondas. De entrada, pensar que certas radiacións poden causar problemas de saúde non é tan estraño, todas sabemos que a radioactividade orixina mutacións celulares que se ben poden servir para combater os tumores (radioterapia) tamén poden orixinalos. Daquela, por que outro tipo de ondas non ían ter efectos semellantes? A diferenza radica no tipo de radiación. As ondas de máis alta enerxía reciben o nome de radiacións ionizantes, e son aquelas que posúen forza suficiente para modificar as células dos organismos vivos. A radioactividade é unha delas, ao igual que os raios X e Gamma. A luz visible tamén ten efecto ionizante, aínda que de menor intensidade, e como sabemos, exposicións intensas e prolongadas poden producir cancro de pel e queimaduras, que é outro xeito de dano celular. Por outra banda, as  radiacións chamadas non ionizantes son aquelas que non posúen enerxía suficiente para modificar as células. Tanto as onda de radio (empregadas en móbiles, televisión e outras telecomunicacións) como as microondas non son ionizantes, e polo tanto non danan as células vivas. Nin sequera unha grande cantidade delas serían quen de producir dano celular, xa que a enerxía que conteñen non se suma. Sería como tratar de acadar a costa do continente americano tirando moitas pedriñas dende Fisterra: a distancia que percorre cada pedra individual non se suma á das outras para cruzar o Atlántico. As radiacións, tanto ionizantes como non ionizantes, están presentes ao noso redor de xeito natural dende a orixe do Universo. O ser humano vese exposto a radiación ionizante de xeito continuo e natural, comezando pola luz solar pero tamén a pequenas cantidades de radioactividade e outras ondas que atravesan a atmosfera. Tamén as ondas de radio e as microondas existen de xeito natural, e rodéannos sen danarnos dende moito antes de existir dispositivos que as aproveiten. Só as ondas de tipo ionizante, e só en altas intensidades resultan perigosas para a saúde, sendo indiferente que sexan de orixe natural ou producidas polo ser humano.

Comentarios