Opinión

Quero(te)

Quero non volver ter que escribir as palabras “disforia de xénero” para que unha persoa teña acceso a un tratamento médico. Quero poder acompañar, se el/ela/ele quere, a quen así o decida na súa transición, un proceso tan duro como persoal e único. Quero que a miña presenza sexa unha decisión de quen o precise e non un requisito legal. Quero, tamén, que ese camiño leve a onde cada individuo queira. Non a un corpo ou un aspecto determinado, senón a un punto único e especial na infinita diversidade da natureza da que falaban Sagan e Newton. Quero que a toda a nosa ciencia e toda a nosa tecnoloxía sexan postas unicamente ao servizo da saúde física e mental das persoas, que cada quen poida optar a todas as posibilidades segundo os seus requirimentos. Que quen precise hormonas poida recibilas, que quen precise cirurxía teña acceso a ela sen necesidade de que eu determine se pode ou non querelas. Quero, tamén, que se alguén decide chegado a certo punto que non se atopa cómodo/cómoda/cómode na súa actual situación, poida optar por (herexía!) iso que lle chaman detransicionar. Que non deixa de ser transicionar cara outro lugar diferente, cara outra faceta da nosa identidade. Que quen sinta algún tipo de disforia pero non desexe transicionar teña todo o apoio psicolóxico necesario para deixar de sentila. Quero que quen non precise nada disto sexa respectado/a/e nas súas escollas e non ter, unha vez máis, que ratificar como profesional que esta persoa sabe quen é e como se sinte para que modifique un dato nun documento. Quero non ter que ver máis adolescentes asustades que cren que teñen que convencerme de algo para que non lles complique a vida. Quero que ninguén sinta que ten que encaixar nun molde, nun vestido ou nuns zapatos para obter atención sanitaria digna, unha vida digna e un traballo digno.

Quero leis que protexan ás persoas ás que trato e quero leis que me protexan a min como profesional, que non me asignen o papel de censora. Eu non son quen para dicirlle ás persoas como deben sentirse ou cal é a súa identidade, e quen entende así a psiquiatría trata de retrotraernos cen anos, aos tempos máis escuros cando calquera desviación da moral podía ser obxecto de represión coa psiquiatría como coartada. A ciencia non debe ser represión, só debería empregarse para aumentar as nosas oportunidades para escoller como queremos vivir e quen queremos ser.

Comentarios