Opinión

Pseudociencias en tempos de pandemia

Dende a irrupción nas nosas vidas do coronavirus moitas das cousas que dabamos por feitas sufriron dramáticas modificacións. Unha delas, que posiblemente pasou desapercibida entre outros cambios moito máis evidentes, é a actitude das persoas que defenden calquera tipo de pseudoterapia. Incluso Boiron, a grande empresa que se lucra comercializando homeopatía, un tipo de pseudomedicina que non demostrou eficacia máis aló de placebo, recoñeceu que os seus produtos son ineficaces contra o coronavirus. Aínda non sabemos contra que son eficaces, porque non está demostrado que teñan efecto ningún nos múltiples ensaios realizados. Tamén os antivacinas están sorprendentemente silenciosos ante a carreira frenética para desenvolver unha vacina eficaz fronte ao virus. Se para algunhas persoas as vacinas son un recurso inútil que só serve para engordar as arcas da malvada industria farmacéutica, semella que con esta vacina en concreto están a facer unha excepción

Na outra banda, sempre hai quen trata de tirar beneficio do medo e a incerteza. Estes días vemos abrollar múltiples noticias sobre que determinados alimentos confiren protección contra o virus, ou o que é peor, que certas sustancias poden curalo. Isto xa provocou a morte de persoas que inxeriron produtos tóxicos pensando que curarían ou previrían a infección. Tamén o gurú da auga con lixivia, o famoso MMS apuntouse á moda do coronavirus, asegurando que o seu produto estrela cura esta doenza, ao igual que o cancro, a infección por VIH...

Aínda que agora a información transmítese con moita maior velocidade, o fenómeno non é novo. En plena histeria pola aparición do VIH, aparecían regularmente noticias falsas sobre posibles curas ou vías de infección improbables cando non imposibles. Vivimos tamén a conspiranoia, o fanatismo relixioso que o consideraba un castigo divino e tamén o negacionismo da SIDA.

En tempos nos que non hai respostas determinantes, moitas persoas toleran mal a incertidume e recorren a solucións aparentemente doadas pero falsas. En xeral, as respostas que dá o coñecemento científico son complexas, parciais e cambian segundo aumenta a nosa comprensión sobre o tema. Se alguén di ter unha solución sinxela e total, pero que ninguén máis coñece, moi probablemente sexa falsa.

Comentarios