Opinión

Propósitos

Sabemos que o día 1 de xaneiro non difire en nada do 31 de decembro e que o paso dun ano ao  seguinte  non  é  máis  que  unha  convención arbitraria, e aínda así non resistimos a tendencia de facer listas, propósitos e desexos de cambio para a nova órbita en torno ao sol. O noso cerebro ten certa avidez polas divisións e as categorías, e o tempo cronolóxico é unha realidade que se resiste a elas.Eu son a primeira que adora as listas, xa non as de aninovo, senón incluso semanais ou diarias. Parécenme un xeito estupendo de non esquecer nada e atopo un pracer moi especial en riscar as tarefas completadas. Como punto en contra, poden ter a calidade de frustrarnos ou desanimarnos se non son realistas. Se queredes un par de consellos para que os propósitos de aninovo sexan útiles e non nos desesperen, poderían ser estes:

1. Marca obxectivos concretos. Cousas como "ir ao ximnasio" ou "perder peso" son demasiado xerais e non teñen temporalidade, así que resultan difíciles de  cumprir.  Sería  moito  mellor  propoñernos  realizar actividade física dúas horas á semana, nun horario concreto e unha actividade que nos motive. Se pode ser con amigas ou familiares, mellor. O compromiso pode ser unha motivación excelente.

2. Sinala unha duración determinada. Por exemplo, é mellor pensar en ler un libro ao mes que simplemente "ler máis".

3. Sé realista. Antes dicía que o tempo era unha realidade que se resiste a ser medida, e as persoas tendemos a infraestimar o que nos vai levar unha determinada tarefa. É mellor programar poucas tarefas e sentir que nos sobra tempo que non chegar ao final dunha lista interminable. Tamén hai que ter tempo para aburrirse e descansar, ou simplemente non facer nada.

4. Prioriza. Propoñernos moitas cousas ao mesmo tempo pode ser desalentador. Pensa o que realmente é importante para ti e inclúeo na túa vida diaria.

5. Que as túas metas teñan propósito. É dicir, pensa por que é importante para ti ler máis ou perder peso. É por unha cuestión de saúde, de estética, de cultura? Ten sentido para ti ou é simplemente algo que os demais agardan que fagas? Ou aínda peor, só cres que tes que facelo porque todo o mundo o fai? Se realmente os teus obxectivos non son relevantes para ti e non encaixan co teu xeito de ver a vida, é difícil que chegue a acadalos.

6. Mercar un caderno bonito sempre axuda, pero non é o principal.

Feliz ano!

Comentarios