Opinión

Prexuízos

Gústame insistir na idea de que a ciencia é neutra, e fágoo sendo perfectamente consciente de que é una afirmación cando menos polémica. É evidente que o desenvolvemento tecnolóxico empregouse en innumerables ocasións para xustificar a opresión e a dominación: a idea do varón branco heterosexual como patrón da realidade e do occidental como cumio da civilización. E aínda así a ciencia, o método científico, é neutro. Cando se chega a conclusións erradas, como a suposta inferioridade das mulleres ou das etnias non caucásicas, o único xeito de refutalas é... máis ciencia. Un martelo pode ser empregado para erguer unha casa ou para matar un ser humano, pero ninguén lle atribuiría intencionalidade á ferramenta. Do mesmo xeito, as persoas que fan ciencia teñen nesgos, contexto e, no peor dos casos, incluso intereses ilexítimos, pero o método científico (o martelo) segue a ser neutro.

Unha nova que se repite periodicamente e que refuta unha destas ideas presuntamente científicas é a do papel que xogaban as mulleres nas sociedades prehistóricas. Contra o lugar común das mulleres colectoras e os homes cazadores, aparecen cada vez máis probas arqueolóxicas que demostran unha división moito máis igualitaria das tarefas. Posiblemente, abater un animal de grandes dimensións era unha fazaña que implicaba todo un grupo sen distinción de xéneros, e nas épocas nas que era posible colectar froitos ou sementes, tamén o farían todos os individuos capaces. Isto semella o sentido común máis básico, pero choca unha e outra vez co prexuízo do macho cazador de mamuts. Do mesmo xeito, cada vez que aparece a tumba dunha guerreira nórdica merece unha nova e unha polémica a pesar das múltiples fontes propias e alleas que certifican a súa existencia.

Cada nova descuberta choca coa idea do guerreiro exclusivamente masculino e a noción das mulleres nese mesmo papel como seres míticos. Como se se tratase de centauros ou sereas, e non persoas facendo cousas de persoa. Os individuos que fan ciencia comparten todos estes nesgos e interpretan os datos segundo as súas ideas e as da súa época. Pero con cada novo dato achegámonos un chisco máis, inexorablemente, á verdade e a derrubar o prexuízo.

Comentarios