Opinión

Pokemon Go

Non deixarei nunca de lembrar o verán de 2017, cando Pokemon Go ía rematar coa civilización tal e como a coñecemos. Seguramente moitos de vós nin sequera recordedes o videoxogo de realidade aumentada que causou tanta alarma naquela época e que, por suposto, foi esquecido case igual de rápido. Desgraciadamente seguimos a cometer os mesmos erros e esta semana volvín ler un artigo xornalístico que relacionaba un crime terrible cometido por un menor co uso dun videoxogo.

Para establecer unha causalidade entre dous feitos non é suficiente que se dean conxuntamente. O feito de que un menor sexa usuario dun videoxogo, fan dunha determinada saga literaria, practique certo deporte ou lle guste un tipo de comida concreto non é a causa dun acto atroz, que moi probablemente veña determinado por un trastorno mental. Cabe sinalar tamén que a violencia extrema en menores é excepcional e case sempre a causa é algún tipo de problema psíquico.

A pesar de que os datos son teimudos, a prensa éo aínda máis ao relacionar violencia e produtos culturais. Agora son os videoxogos, pero antes foi o rol e aínda máis atrás no tempo, a música metal. No século XX foi o cinema, e no XIX as novelas. Todo, por suposto, sen a máis mínima evidencia científica detrás. No documental Bowling for Columbine, que revisa o acontecido no instituto do mesmo nome, cando dous menores provocaron unha matanza a tiros, ironízase con se sería a partida de bolos que xogaron o que desencadeou a masacre.

O relato de que determinadas actividades culturais poden inducir violencia está moi asentado na sociedade e, polo tanto, resulta crible e doado de asumir mesmo sen probas que o confirmen. O que si ten evidencia científica é que as causas da violencia están relacionadas coa desigualdade, coa marxinación social e coa vivencia de agresividade durante a infancia. Estes datos, que si contan con estudos que establecen causalidade, e non unicamente correlación, parecen máis duros de roer. Porque igual se pensamos que é a pobreza e a falta de perspectivas de futuro o que causa a violencia, temos que empezar a reformular o que estamos a facer mal como sociedade.

Pola contra, continuar culpando Pokemon Go das cousas terribles que lle acontecen ás nosas crianzas dános un chibo expiatorio doado e vistoso. Tamén profundamente falso.

Comentarios