Opinión

Pobreza

Coa inflación disparada e o poder adquisitivo de moitas persoas en mínimos históricos, cómpre reflexionar como vai afectar esta situación á saúde da poboación, e en concreto á saúde mental. A pandemia aumentou en case dous puntos a porcentaxe de persoas que se atopan en risco de pobreza no estado español, ata un 27,8%. A pobreza é o indicador máis potente de saúde e esperanza de vida, ata o punto de modificar esta en case unha década dentro dun mesmo país, entre os distritos máis opulentos ata os máis desfavorecidos. É dicir, as persoas ricas viven de media case dez anos máis que as pobres. Isto acontece nun país con sanidade pública universal, aínda que se precarice cada vez máis o acceso á mesma. O código postal inflúe máis na nosa esperanza de vida que o código xenético.

Se falamos de saúde mental, a relación é aínda máis intensa. O principal factor evitable para as doenzas mentais é a desigualdade económica e a falta de acceso a oportunidades. Ademais, as persoas con menos ingresos con frecuencia vense abocadas a tomar decisións con consecuencias negativas na súa saúde mental e física: empregos máis lesivos e con xornadas máis prolongadas, menor tempo con familia e amigos e menor interacción social, máis tempo de uso de pantallas en detrimento doutras actividades de ocio máis caras e peor alimentación.

A precariedade diminúe a nosa capacidade para tomar decisións, pensar a longo prazo e planificar correctamente. Noutras palabras, se temos a mente ocupada en preocupacións graves e inmediatas como encher a cesta do mercado ao día seguinte, dificilmente poderemos pensar no futuro remoto. Isto é normal e evolutivo, o noso cerebro está preparado para sobrevivir, pero pode traer como consecuencia que a supervivencia inmediata limite as posibilidades de mudar a situación pensando en termos máis longos.

Nun momento de preocupación pola saúde mental, tocada sen dúbida tras a pandemia, se cadra a verdadeira prevención non pase tanto por aumentar os recursos destinados á atención psiquiátrica e psicolóxica, que son necesarios pero que abordan o problema cando xa se produciu. Se houbese unha intención real de diminuír os problemas psíquicos e o uso de psicofármacos, debería comezarse por garantir unhas condicións de vida dignas e un acceso á vivenda seguro e factíbel que permita que todas poidamos construír o noso futuro con tranquilidade.

Comentarios