Opinión

Verín ou a punta do iceberg

A actualidade case que impón un tema a tratar para comezar esta columna: o peche da sala de partos de Verín, non como un feito illado, senón como a última pinga dun orballo constante de recortes e diminución da calidade do sistema sanitario galego. Ao contrario que noutras comunidades nas que a privatización sanitaria tratou de levarse a cabo mediante unha sorte de “doutrina do shock”, con grande oposición tanto dos profesionais como da cidadanía, no noso país os métodos son outros, moito máis larvados e menos evidentes: a privatización de servizos non sanitarios (limpeza, comedores, calefacción...), a exteriorización de probas diagnósticas, as listas de agarda paralelas segundo o doente acepte ou non tratarse en centros concertados, e o recorte sutil de camas e recursos. Non escoitaremos xa aqueles discursos de que o privado se xestiona mellor, que pola súa manifesta falsidade xa non enganan a ninguén. Mentres gastan cartos públicos en carteis nos que se le “público”, exteriorízase, concértase, centralízase... Nin sequera as palabras son as mesmas en cada caso, porque dende a dereita entenderon moi ben que as palabras crean a realidade. Se nin sequera lle chamamos igual, é máis difícil identificar un inimigo común.

Co peche do sala de partos, a cidadanía botouse de novo á rúa, e non descarto que volva reabrirse ou que se propoña algunha outra solución alternativa a este problema concreto, porque non é importante en si mesmo: é a punta do iceberg dun escenario moito máis amplo de privatización e desmantelamento do público. Pode que neste caso concreto medisen mal a resposta popular, pero noutras situacións igualmente graves non existiu mobilización ningunha: alguén saíu á rúa cando se exteriorizaron os servizos técnicos e de mantemento dos hospitais galegos? Difícil, dado que nin sequera existiu unha cobertura informativa que permitise que este feito fose amplamente coñecido.

Así, este xeito de actuar é moito máis sibilino e perigoso que unha privatización a cara descuberta, porque priva as cidadás do seu dereito a referendar ou rexeitar co seu voto ou coas súas protestas públicas esta liña de actuación: recórtase e privatízase mentres publicamente se defende o público, o cal nos leva a dúas conclusións: estase torcendo a vontade da cidadanía e nin os propios responsables políticos acreditan nunha mellora da asistencia por estes medios, que perseguen só un aumento do lucro empresarial.

Comentarios