Opinión

Plásticos

Antes de que o coronavirus inundase toda a información, moitas de nós intentabamos reducir o noso consumo de envases plásticos. Tratabamos de mercar produtos coa menor cantidade de embalaxe posible, levabamos aos comercios as nosas propias bolsas para a froita e outros alimentos, os nosos vasos para o café. De súpeto, chegou a covid e atopámonos nun mundo plastificado, cheo de luvas, bolsas e film para protexernos do contaxio. Outros produtos desbotables e non reciclables, como o papel sanitario e as máscaras, tamén están agora omnipresentes. Estas últimas, concretamente, estanse a converter nun problema ambiental e ademais desbótanse co lixo orgánico, o cal é lóxico por tratarse de material sanitario. Poderíamos achar un equilibrio entre reducir o gasto de plásticos e celulosas e evitar os contaxios? Agora que semella que o virus chegou para quedar, cando menos a medio prazo, debéramos buscar xeitos de que non se converta nunha catástrofe ambiental ademais de sanitaria. As cifras se pensamos a nivel mundial son absolutamente abafadoras e durante meses ou, probablemente, anos van ser necesarias todas estas barreiras interpostas entre o virus e nós. O plástico é un material incrible e só a súa ubicuidade nos fai ser alleos ao extraordinario que resulta. Inerte, practicamente indestrutible e lixeiro, a seguridade alimentar da que gozamos e a práctica sanitaria moderna non serían posibles sen a súa existencia. Pero as calidades que o fan único tamén son as que resultan problemáticas, especialmente a súa lenta degradación, que o fai permanecer no medio centos de anos. Sería posible, non a eliminación deste material, senón un uso racional, só naquelas situacións que realmente requiran o seu emprego? A pandemia debera facernos cambiar a nosa orde de prioridades e axudarnos a diferenciar o realmente importante do superfluo ou directamente prescindible. Lonxe de ser así, semella que non se fixo outra cousa que afondar aínda máis na dinámica dun capitalismo cada vez máis desatado que non ten en conta en absoluto as persoas nin os recursos, senón só o lucro crecente. Con estas premisas, outro xeito de protexernos e de cubrir as nosas necesidades semella imposible.

Comentarios