Opinión

Personalidade autoritaria

Nos anos 50, o filósofo Theodore Adorno publicou un estudo sobre o que el entendía que eran os trazos das persoas autoritarias, é dicir, daquelas que son proclives a apoiar movementos fascistas. Nestes días nos que o fascismo se expresa de novo asaltando tendas de Lacoste, non está de máis revisar esta teoría para evitar que nos fagan pensar que os fascistas son persoas como calquera outras.

Aínda que a teoría de Adorno foi obxecto de múltiples críticas pola súa escasa base científica e por apoiarse en conceptos psicanalíticos, como o superego, imposibles de contrastar, estudos posteriores identificaron as características máis destacables das personalidades autoritarias. O trazo que máis aparece nos diferentes estudos realizados é a dominancia social, é dicir, a idea de que o grupo ao que pertence o individuo debe ser o que rexa a sociedade, oprimindo os outros colectivos.

Outro trazo de personalidade que se repite é o convencionalismo, a crenza de que os valores tradicionais son mellores simplemente por ser máis antigos, e que se deben respectar cegamente. A submisión á xerarquía é outro factor importante. Os individuos con personalidades de tipo autoritario pensan que a xerarquía é boa de xeito intrínseco, que debe ser respectada sempre e que se deben cumprir as normas sexan ou non xustas. Por outra banda, este tipo de persoas tenden a ter unha idea do xénero estereotipada e ríxida, cunha percepción do lugar que ocupan homes e mulleres fortemente dicotómica, convencional e escasamente permeable ao cambio social.

A idea de que os membros doutros grupos sociais son perigosos e deben ser temidos é o último elemento desta arrepiante lista de factores de personalidade. Todo isto non quere dicir que unha persoa con estas crenzas vaia ser necesariamente un militante fascista, pero si que existe o substrato para que, de darse as condicións axeitadas, apoie dalgún xeito este tipo de ideoloxía.

Non parece que exista ningún factor innato nestas ideas, polo que unha educación na que se destaque a igualdade de dereitos entre os individuos, a colaboración antes que a competencia ou a obediencia, a empatía e o coñecemento doutras realidades se cadra pode facer que este tipo de persoas, se ben nunca desaparecerán, sexan menos frecuentes nas nosas sociedades.  

Comentarios