Opinión

Pecado

Quería falar da varíola do mono e do que supón esta nova ameaza a nivel sanitario, pero coido que aínda non hai datos abondo para saber que vai supoñer no futuro. A frecuencia de enfermidades transmitidas dende animais (roedores, neste caso) non vai deixar de aumentar dada a destrución sistemática dos hábitats que está a provocar a nosa especie.

O que si chama a atención é o tratamento informativo, que relacionou inmediatamente a doenza coa comunidade LGBTIQ+. O feito de que un dos abrochos pareza corresponder a un local gai foi suficiente para poñer o foco mediático sobre as persoas non cisheterosexuais. Dá igual que outros casos non tivesen nada que ver ou que sexa unha enfermidade xa coñecida que provoca pequenos surtos de cando en vez, ou que a transmisión non sexa exclusivamente sexual, senón a través de calquera tipo de fluído. Corenta anos despois da crise do VIH, de repetir mil veces que son as condutas e non as orientacións as que poden supoñer un risco, basta que se xere unha certa alarma social para que o colectivo LGBTIQ+ volva estar no punto de mira. Dende o punto de vista biolóxico, é tan absurdo falar de orientacións sexuais como factor de risco como o sería falar de preferencias gastronómicas ao informar sobre intoxicacións alimentares. Os microorganismos transmítense por feitos concretos, non por identidades nin sentimentos.

Relacionar certas doenzas con orientacións sexuais é inxusto, discriminatorio e sobre todo perigoso. Perigoso para as persoas ás que se lles acusa de espallar a enfermidade, nun contexto no que estamos a ver un aumento das agresións homófobas, e perigoso para xente que non pertence a ningunha minoría sexual e que pode sentirse falsamente protexida. Pasou coa SIDA, etiquetada rapidamente como un castigo divino a persoas fóra da norma social pero que afectaba igualmente a quen practicaba sexo sen protección, independentemente de con quen. A idea de "para padecer tal doenza tes que ser gai", tal e como se presenta nos medios, é fondamente insultante e disparatada dende o punto de vista científico. Afonda ademais na idea de que as persoas non cisheterosexuais son máis promiscuas ou máis imprudentes que o resto, o cal tampouco é certo.

Unha vez máis, dar información científica, de boa calidade e contrastada é o mellor antídoto contra o alarmismo, a discriminación e os prexuízos.

Comentarios