Opinión

Parálises do sono

Algunha vez notastes que espertabades completamente paralizadas, sen poder movervos ou falar? A cultura popular atribúe este tipo de experiencias a demos, íncubos ou calquera clase de criaturas sobrenaturais que perturban o noso sono. De feito, o nome de pesadelo fai referencia ao peso que notamos sobre o peito e que parece paralizarnos. Os que convivimos con gatos sabemos que ás veces ese peso pode ser tamén un micho que decide que o noso esterno é o lugar máis cómodo da casa para unha sesta.

A orixe real desta sensación case universal é un fenómeno chamado parálise do sono, que non é patolóxico nin síntoma de ningunha doenza, pero si moi desagradable. Forma parte das chamadas parasomnias, experiencias que se producen nese estraño tránsito entre o sono e a vixilia. O noso cerebro posúe un sistema que desconecta o noso sistema nervioso e muscular mentres durmimos e soñamos, para garantir a inmobilidade durante os soños e que non repitamos na realidade o que soñamos. Ás veces este sistema non funciona correctamente, e podemos permanecer paralizadas uns segundos tras recobrar a consciencia. Cando acontece temos a sensación subxectiva de permanecer horas nese estado, cando en realidade acontece todo nun lapso moi breve de tempo. Neste estado tamén poden acontecer alucinacións visuais ou auditivas, como partes do soño que se introducen na nosa vixilia, chamadas alucinacións hipnagóxicas (ao entrar no sono) ou hipnopómpicas (ao espertar).

A base da maior parte das experiencias supostamente paranormais, incluídas pantasmas, presencias aos pés da cama, abducións, visitas extraterrestres e demais poboadores de programas de madrugada atopan unha explicación científica nestas estrañas formas de pasar dun estado a outro. Porén, por moi perturbadoras que resulten, son perfectamente normais e propias dun cerebro saudable, e só requiren tratamento se se producen de xeito moi frecuente ou alteran dalgunha maneira o sono. Hai persoas que poden chegar a temer o momento de ir durmir por padecer estes fenómenos, que son moi angustiosos e producen moito malestar.

Para evitar isto é recomendable manter unha axeitada hixiene do sono, cun horario regular para erguerse e deitarse, cuartos con temperatura suave e sen luz e, se nada disto funciona, lamentablemente prescindir da sesta. Tamén pode ser útil pecharlle a porta ao gato.

Comentarios