Opinión

Palestina

Estes días a actriz Emma Watson centrou as súas declaracións públicas sobre as condicións nas que se atopa a poboación palestina, sometida á ocupación israelí e vítima de vulneración dos dereitos humanos básicos. Inmediatamente foi acusada de antisemita por opoñerse á ocupación exercida polo Estado de Israel, o cal supón confundir interesadamente estar contra os xudeus como etnia ou grupo relixioso con desaprobar as accións dun determinado Estado.

Hai moitos elementos a tratar nesta cuestión, pero no que respecta á saúde mental, diversas organizacións están a alertar de que a ocupación, os constantes ataques e a inseguridade crónica da poboación palestina afecta especialmente ás crianzas. A crenza popular sostén que nas situacións extremas as persoas non sofren problemas de saúde mental, que realmente estas son produto das comodidades excesivas, ou de ter as necesidades básicas garantizadas. Tamén existe a idea errada de que os nenos non padecen do mesmo xeito que os adultos o estrés, ou que resisten mellor escenarios de guerra ou outras penalidades. As cifras indican o contrario. A OMS advirte que arredor do 40% dos nenos palestinos sofren algún síntoma de estrés postraumático, unha das formas máis graves de patoloxía mental orixinada polos eventos adversos extremos. Ademais, un factor engadido de gravidade é que neste contexto non se trata dun só acontecemento traumatizante, senón que estes son constantes e non se deteñen.

Outra das consecuencias da ocupación é a falta de lugares axeitados e seguros para moverse libremente e xogar, o que incide de xeito moi negativo no desenvolvemento psicomotor da infancia.  As consecuencias a longo prazo de todo isto poden lastrar a saúde mental de xeracións enteiras de nenos e nenas nacidos e criados baixo a ocupación israelí.

Independentemente da nosa opinión sobre o conflito territorial, a presión sobre a poboación civil, e particularmente sobre a infancia, debera facer que nos sensibilicemos cunha situación dunha dimensión, gravidade e, sobre todo, unha duración no tempo como poucas se deron na historia recente. Durante a pandemia, mesmo en circunstancias moito menos graves comparativamente, puidemos vivir en carne propia como os dereitos das crianzas son os que antes se esquecen e os que máis tardan en recuperarse. As secuelas, porén, convivirán con elas durante o resto da súa vida.

Comentarios