Opinión

País rico, saúde pobre

Estes días asistimos á confirmación do que xa sabiamos no eido sanitario: os gravísimos problemas de modelo sanitario en EE.UU. tradúcense finalmente nun descenso da esperanza de vida. No país do mundo que máis gasta en atención sanitaria, a esperanza de vida sitúase en 78 anos, en comparación cos case 83 anos do Estado español ou os 82 de Canadá. Ademais, e aínda máis preocupante, as cifras varían entre os diferentes Estados, e están fortemente determinadas polo nivel de renda.

Por outra banda, parte das doenzas que aumentan a mortalidade están relacionadas coa saúde mental, como os suicidios e as adiccións, sobre todo ao alcol e aos opiáceos.

Existen outros factores de saúde que condicionan a esperanza de vida, como as elevadas taxas de obesidade (relacionadas co consumo de ultraprocesados e a dificultade de acceso a alimentos saudables) e nos últimos anos o encarecemento desorbitado do prezo da insulina e que castigan especialmente ás clases baixas, polo que todo isto fan que as diferenzas entre as persoas con maior nivel de renda e os máis baixos sexan de case 14 anos.

Como nos afecta todo isto? O motivo polo que o enorme gasto sanitario de cartos públicos non se traduce en mellor calidade e esperanza de vida para todos os estratos sociais é a privatización do sistema sanitario estadounidense. Por máis que os discursos da dereita traten de convencernos de que o sistema privado é máis eficiente e xestiónase mellor, a realidade vai contra estas teses, polo menos en termos sanitarios. Un sistema privado provoca maior gasto porque as persoas tenden a agardar máis para recorrer aos servizos de saúde, polo que os procesos están máis avanzados, e ademais non é posible realizar políticas sanitarias a grande escala, nin xestionar o gasto de xeito planificado. Por outra banda, xera tamén maior desigualdade, o cal empeora a saúde de amplas capas da poboación e non só, como puidera pensarse, a daqueles en situación de exclusión social franca.

O exemplo dos Estados Unidos, un país rico cunha saúde pobre, debera servir para previrnos contra as políticas de recortes e privatizadoras que prometen mellor xestión ou maior liberdade de escolla para o usuario. Podemos demostrar que non é así, e só xeran maior gasto e maior desigualdade.

Publicado no Sermos Galiza nº375

Comentarios