xoves 03/12/20

Orgullo

A homosexualidade foi eliminada do Manual Diagnóstico e Estatístico dos Trastornos Mentais (DSM) en data tan precoz como 1973, á luz da desautorización que a crecente evidencia científica facía do prexuízo de que as persoas non heterosexuais padecían algún tipo de desorde mental. Porén, non foi ata 1990 cando a OMS modificou as súas propias clasificacións para adaptalas aos datos dispoñibles. No momento actual, a loita pola despatoloxización está centrada na eliminación da categoría de transexualidade como unha enfermidade, e na necesidade de diagnóstico psiquiátrico para acceder aos tratamentos hormonais ou cirúrxicos. A saúde mental tivo ao longo da súa historia unha relación ambivalente co colectivo LGBTIQ+. Se ben houbo entre os profesionais voces a favor da non discriminación e das posturas baseadas na evidencia, tamén é certo que a psicoloxía e a psiquiatría convertéronse en poderosas ferramentas represivas para a diversidade sexual. Cando xa non era posible etiquetar as persoas non heterosexuais como delincuentes, foi moi útil cualificalas como enfermas, e isto só era posible coa connivencia dos profesionais, que actuaban baseándose nos seus propios prexuízos e non na investigación. Un exemplo son as vergoñentas terapias "de conversión" que pretendían modificar a orientación sexual das persoas por diferentes métodos. No momento actual, estas pseudoterapias son ilegais na maior parte dos países desenvolvidos, e existe un forte consenso científico arredor da súa ineficacia e dos posibles efectos nocivos que provocan. A orientación e a identidade sexual son dúas características que se expresan de xeito moi diverso nos individuos e que forman parte da variabilidade normal. A súa xénese probablemente sexa multifactorial, con bases biolóxicas e influencias ambientais, culturais etc. Como calquera outra característica (pensemos na talla, na cor de pel ou de ollos) ningún individuo vai vivir a súa identidade sexual nin a súa orientación afectivo-sexual igual ca outro, nin vai ser idéntica en diferentes momentos da súa vida. Calquera intento de apelar á bioloxía para xustificar discursos de odio cara ás persoas LGBTIQ+ é simplemente un disfrace de pseudociencia para xustificar a discriminación. Como dixo Newton: "a variedade na unidade é a lei suprema do Universo", e isto aplica tamén para os seres humanos.

comentarios