Opinión

Obxección de conciencia

A obxección de conciencia foi unha conquista social que evita que as persoas que así o solicitan non se vexan obrigadas a realizar actos en contra das súas conviccións éticas. Concretamente, foi moi importante na oposición ao servizo militar obrigatorio e supón o recoñecemento de que hai diferentes sensibilidades morais na nosa sociedade. Porén, non podemos negar que nos últimos anos sufriu unha perversión na súa natureza e está a ser empregado por grupos relixiosos para obstaculizar o acceso a dereitos sanitarios. No caso concreto do dereito ao aborto, estamos a ver como se dan situacións absurdas nas que un servizo de Xinecoloxía ao completo se declara obxector, obrigando ás mulleres que soliciten unha interrupción de embarazo a acudir a outro centro. Aproveitan ademais que se trata dun procedemento no que o tempo é un factor de vital importancia. Isto pode implicar riscos para a saúde da persoa afectada ou complicar innecesariamente a intervención, alén do sufrimento psíquico que ocasiona.

Estes días tivemos dous exemplos dramáticos dun mal uso da obxección de conciencia: unha solicitude de eutanasia e un aborto. No primeiro caso, a persoa afectada acabou coa súa propia vida ante a ausencia de resposta. Pode unha profesional sanitaria obstaculizar deliberadamente, coa escusa da obxección, o exercicio dun dereito recoñecido? É máis importante a conciencia da traballadora que os dereitos da usuaria? Ademais, este tipo de manobras sempre se dan acorde á conciencia cristiá, e raramente teñen en conta outro tipo de sensibilidades que existen, pero que quen as posúen non trata de impoñer aos demais. Se un médico é vegano pode prescribir ao todos os seus pacientes dietas sen produtos de orixe animal mentres estean ingresados ao seu cargo? Podemos negarnos a atender persoas que cometesen actos que consideramos particularmente reprobables? Obviamente non, e ninguén aceptaría tal argumento. As persoas que teñen este tipo de problemas morais, en lugar de escoller especialidades que non colisionen coas súas crenzas, parecen moi interesadas en ocupar postos nos que esta obxección se confronte directamente cos dereitos de terceiros. Se cadra teríamos, como sociedade, que reflexionar sobre este tema e pensar como podemos impedir que continúen acontecendo estas cousas.

Comentarios