Opinión

Obesidade infantil

Unha das consecuencias do cambio de hábitos que provocou o confinamento foi o aumento das cifras de obesidade infantil. Partíamos xa de datos de auténtico andazo, pero a outra pandemia, a da Covid-19, disparou a incidencia ata o 40%. Parece que pechar os nenos na casa e precintar os parques non foi boa idea despois de todo. Como todo fenómeno complexo, as causas son múltiples, e o confinamento é só unha delas. A Covid colocou tamén a moitas familias por debaixo do limiar da pobreza e a obesidade correlaciona fortemente coa precariedade. Non por unha falta de formación, como moitas veces se pensa, senón por falta de tempo, de ocio de calidade e doutras fontes de actividades pracenteiras. Os nenos de capas socias máis desfavorecidas teñen en xeral un ocio máis pasivo e máis vencellado a dispositivos electrónicos, fundamentalmente por falta de medios económicos para realizar outro tipo de actividades. Por outra banda, a publicidade de produtos pouco saudables dirixidos á infancia, moitas veces con reforzos en forma de pequenos xoguetes ou imaxes de personaxes populares, tampouco fan doada a escolla saudable por parte dos adultos responsables. Os nenos demandan e tamén supón un desgaste negarse continuamente, sobre todo se a situación económica xa parte da privación e da frustración das súas demandas.

Fomentar o ocio activo coa habilitación de lugares axeitados e accesibles para os nenos, preferentemente nos que non requiran supervisión parental, como ludotecas ou instalacións deportivas con monitores, podería ser unha das medidas a implementar. Ademais, a publicidade de produtos insáns dirixidos á infancia debera limitarse seriamente se non queremos ter un problema de saúde inasumible a non moito tardar. Que os preparados (non se lles pode chamar alimentos) deste tipo estean empaquetados con cores vivas e con personaxes de debuxos animados, que inclúan xoguetes e que se vendan como “merenda” non é compatible con coidar a saúde da poboación. Igual que se limitou a publicidade de tabaco e alcol, debera restrinxirse tamén aquela dirixida ás persoas máis novas e polo tanto máis vulnerables. Agora parécenos incrible que se vendesen, por exemplo, cigarros de chocolate para nenos, pero moita xente aínda minimiza o dano deste tipo de produtos. A non moito tardar, pareceranos unha loucura o lineal dos cereais e das galletas que estamos afeitos a ver hoxe en día.

Comentarios