Opinión

O elefante rosa

Esta semana tiven a oportunidade de acompañar a Antía Yáñez na presentación da súa última novela Non penses nun elefante rosa. O motivo da miña presenza ao seu carón é que parte da trama da obra xira arredor do trastorno obsesivo-compulsivo. Unha enfermidade que afecta a milleiros de persoas pero que a maioría de nós só coñecemos a través do cine ou de series de televisión que en xeral tenden a dar unha visión simplista e estereotipada. Jack Nicholson evitando as xuntas das baldosas ou Sheldon Cooper tocando na porta un número determinado de veces son os retratos do TOC que adoitamos ver na ficción. Xeralmente, ademais, a personaxe afectada por este trastorno serve como alivio cómico e a enfermidade dá lugar a situacións humorísticas. A miña opinión persoal é que se pode facer humor con calquera cousa, tamén coas enfermidades, o problema que percibo é cando só existe esa visión dunha condición que pode provocar un sufrimento inmenso a quen a padece e ás persoas próximas.

O trastorno obsesivo-compulsivo é unha alteración dos circuítos cerebrais de recompensa que xera un ciclo de pensamentos involuntarios ou obsesións, seguidos de actos (compulsións) que pretenden aliviar a ansiedade que xeran os primeiros. Nun dos casos máis comúns, os pensamentos obsesivos de sucidade ou contaminación irían seguidos de actos de lavado ou desinfección. Existen moitos tipos de obsesións e compulsións, unhas máis comprensibles coma estas, outras moito máis estrañas ou difíciles de comprender. Para unha persoa, tocar un obxecto varias veces pode impedir, por exemplo, que aconteza unha catástrofe a un ser querido. Hai persoas que só teñen pensamentos obsesivos e case non realizan compulsións, outras realizan compulsións de xeito continuo, ritualizando case calquera acción da vida cotiá. Hai persoas con TOC que levan unha vida normal e outras que están severamente incapacitadas. Hai pacientes que precisan psicoterapia, tratamento farmacolóxico ou ambos, ou incluso, nos casos máis graves, psicocirurxía. Si, o TOC pode operarse, empregando un método semellante ao do Parkinson pero noutras áreas cerebrais. Novelas como a de Antía axudan a visibilizar e desestigmatizar certas doenzas mentais, tratándoas con delicadeza, fondura e, por suposto, tamén con humor.

Comentarios