Na saga de Star Wars os rebeldes crean un exército de clons para enfrontarse aos droides imperiais. Seres biolóxicos, idénticos entre si, derivados dun único individuo. Para min, os antivacinas e os defensores das pseudociencias en xeral son un pouco como os clons. Poden ser individuos únicos, pero para o caso son idénticos entre si, polo menos nos argumentos que manexan. Cando todos pensabamos que coa que estaba caendo os detractores das vacinas deberían estar caladiños e agachados baixo unha pedra, resulta que asistimos a un rexurdimento clónico das súas posicións, alentadas polas ideas máis disparatadas da extrema dereita americana. Nos xornais máis amarelistas e nos faladoiros de certas televisións pódese escoitar os argumentos conspiranoicos ao respecto, moitas veces incompatibles entre si. O máis repetido é que o coronavirus non existe e é unha ferramenta de control social, polo tanto a vacina non sería necesaria. Tamén se pode pensar que o virus é real, creado e modificado nun laboratorio secreto estadounidense ou chinés (tanto ten) coa finalidade de vender millóns de unidades da vacina, que foi desenvolvida simultaneamente e comercializarase cando a situación sexa tan extrema que os gobernos estean dispostos a pagar o que sexa necesario. Hai quen di que o virus é unha vinganza da natureza pola nosa intervención e non se debe combater con máis intervencións, senón cunha vida máis natural e libre de químicos.
Cando penso que o que acontece é suficientemente grave como para facer que aprendamos algo sempre me dou de fociños coa evidencia: hai moita xente que só está agardando para volver á carga coas mesmas ideas irracionais, pero adaptadas á nova situación. Supoño que o realmente grave non é que haxa quen sosteña este tipo de discursos, á fin e ao cabo moi minoritarios, como queda claro pola resposta responsable e madura da inmensa maioría da poboación. O grave é que certos medios dean voz a estas ideas e as presenten en pé de igualdade con outras racionais e ben argumentadas, dando unha impresión de falso debate e de “polémica”. Por último, tamén haberá quen non crea realmente nas teses conspiranoicas pero as empregue para aumentar o ruído e a incerteza coa intención de favorecer os seus propios intereses.