Opinión

Neomachismo

Como son adicta ás redes sociais, ás veces acabo en lugares que preferiría non coñecer, aínda que sempre digo que a ignorancia nunca é a solución a nada. Un deses lugares escuros son as contas que fan propaganda da discriminación de xénero, máis ou menos camuflada baixo presuntas ideas do "natural" ou peor aínda, do científico.

Xa hai anos existían certos estafadores que vendían cursos de sedución para homes nos que se propoñían estratexias de acoso e violencia psicolóxica cando non directamente de abuso sexual (algún deles tivo que borrar vídeos para evitar denuncias por apoloxía da violación). Agora, o mesmo discurso parece que se popularizou e ao mesmo tempo suavizouse para resultar máis dixerible e non incorrer en delito.

A base teórica é que as diferenzas entre homes e mulleres son de tipo biolóxico e inmodificables pola cultura e que atinxen a aspectos do noso comportamento como a escolla de traballo ou de parella. Segundo estes individuos, existiría algo chamado enerxía masculina, relacionada co liderado, a actividade e a agresividade, e unha enerxía feminina en conexión co coidado, a tenrura e a beleza. É dicir, o mesmo que podería dicir calquera señor do século XIX, pero en formato de vídeo de tres minutos.

Estas supostas diferenzas e enerxías místicas farían, segundo estas teorías esotéricas, que o mundo moderno faga infelices tanto a homes como a mulleres, porque non poderíamos estar en conexión coas nosas verdadeiras naturezas ou enerxías. Que as mulleres queiran avanzar nas súas carreiras ou que sexan independentes economicamente, por exemplo, iría en contra da súa enerxía feminina.

Titulei o artigo neomachismo pero realmente podería chamalo paleomachismo, porque non é moi diferente das teorías pseudocientíficas decimonónicas que afirmaban que estudar podía volver tolas as mulleres ou que o deporte podía facer que o útero se movese sen control polo interior do corpo e taponase "algo" para acabar provocando a histeria. O alarmante é que se repitan os mesmos argumentos con palabras ao chou entre a mística e a cuántica de marca branca.

Enerxías ou forzas hai catro: electromagnetismo, gravidade, nuclear forte e nuclear débil. Ningunha delas parece estar a funcionar correctamente para que as neuronas destes individuos se comuniquen entre si.

Comentarios