Opinión

Modas

En ciencia tamén hai modas. A páxina que recompila os artigos indexados nas diferentes ramas da biomedicina, PubMed, ofrece a posibilidade de visualizar gráficas co número de artigos publicados anualmente sobre un certo tema. Podemos ver que determinadas patoloxías ou certas teorías e achegas experimentan súbitos aumentos. En ocasións é evidente por que acontece, como no caso da Covid, outras non queda moi claro. Nos últimos anos está de moda o estudo da microbiota intestinal a raíz de certos resultados moi prometedores sobre o papel das bacterias do noso sistema dixestivo na xénese e no tratamento de varias doenzas. Outro cambio de tendencia importante é o da nutrición, onde a evidencia a favor das graxas saudables e das dietas baseadas en vexetais modificou por completo as recomendacións e as pirámides alimentares.

A ciencia é un proceso dinámico, e que aparezan novos datos que supoñan xiros sorprendentes ao que críamos saber forma parte do avance do coñecemento. Porén, xorden varios problemas. Por unha banda, con frecuencia a prensa xeneralista emprega datos ou estudos auténticos para crear noticias falsas ou terriblemente distorsionadas. Por exemplo, os estudos que sinalan as dietas con demasiados carbohidratos de absorción rápida como un factor importante na pandemia de obesidade e sobrepeso das sociedades occidentalizadas poden converterse en titulares alarmistas que identifican o azucre como "adictivo" ou "canceríxeno".

Outro problema é a percepción de que as recomendacións de saúde cambian constantemente e que polo tanto non son fiables. É certo que alimentos altos en graxa como o peixe azul ou os ovos foron durante moito tempo demonizados e recomendábase limitar o seu consumo e na actualidade sabemos que era un erro. Pero nin a recomendación cambiou en tan pouco tempo, porque falamos de 20-30 anos de investigación, nin isto ten que supoñer un problema. As profesionais temos a obriga de traballar coa evidencia dispoñible, manternos actualizadas e facer recomendacións baseadas no estado actual do coñecemento. Se aparecen novos datos, o lóxico é que cambien as recomendacións. Sería precisa unha mellor educación científica para comprender como funciona a evidencia científica e como se crea o consenso, en lugar de agardar da ciencia verdades eternas e inamovibles máis propias do pensamento relixioso.

Comentarios