Opinión

Mitos alimentares (I)

Esta fin de semana celebrei o San Froilán comendo polbo e todas as persoas reunidas lembrabamos ser advertidas con insistencia sobre os perigos para a vida humana de comer o polbo con auga: que se inchaba no estómago, que se se pegaba, incluso que se recompoñía e podía moverse dentro do aparello dixestivo. Eu mesma estaba acompañando o polbo con auga e se cando leades isto non resulta ser a miña derradeira colaboración, significará que estou a salvo.

Cantos destes mitos alimentares lembrades escoitar nas vosas casas? Eu, uns cantos:

  • As castañas tampouco se podían comer con auga. Non eran tan perigosas como o polbo porque non podía "revivir" no teu interior, pero era unha práctica que garantía unha indixestión con toda seguridade. Había que tomalas sempre con leite ou con viño. Non existe ningún motivo para non poder beber auga con ningún dos dous alimentos, máis aló de que che agrade máis ou menos o sabor.
  • A froita pola noite mata. Xa sabedes, pola mañá ouro, pola tarde prata, pola noite mata. As calidades nutricionais da froita son exactamente as mesmas independentemente da hora do día, e o que probablemente te mate é non comela. Sempre mellor enteira.
  • Non se deben mesturar diferentes grupos de alimentos: isto vén das famosas dietas disociadas, que estiveron moi de moda hai algúns anos, e que postulan que cada grupo alimentar (proteínas, graxas, hidratos de carbono) deben inxerirse en diferentes tomas. Ademais de que é practicamente imposible atopar na natureza produtos que conteñan un só grupo de nutrientes, o noso organismo está preparado para metabolizar as diferentes substancias que precisa sexan xuntas ou por separado.
  • Hai alimentos que producen inflamación. Esta é máis ben unha mala interpretación da realidade. Ningún alimento produce de por si inflamación, pero hai persoas que poden ter condicións nas que o seu organismo identifica certos produtos como estraños e poña en marcha mecanismos inflamatorios. Fóra diso, non existen "dietas antiinflamatorias" nin "alimentos proinflamatorios".
  • O glute é malo. É malo para as persoas celíacas e para as que padecen intolerancia ao glute non celíacas, pero se non é o teu caso a túa dieta non mellorará por eliminalo.

A vindeira semana repasaremos máis mitos relacionados coa alimentación e a información real que hai detrás deles (ou non).

Comentarios