Opinión

Mitos alimentares (II)

Seguimos co tema da pasada semana arredor da alimentación, e o que sabemos ou cremos saber sobre como comemos. Os seres humanos temos a capacidade de complicarnos a vida incriblemente, incluso cando se trata de funcións tan básicas como nutrirnos. Ou, dito cun pouco máis de propiedade, todo é cultura. E  ás veces crenzas moi instauradas culturalmente poden non ter ningún tipo de base científica, ou ao revés. Outros mitos sobre os alimentos que continuamos a repetir, incluso entre as profesionais da saúde, poderían ser os seguintes:

  • O alcol, máis concretamente o viño tinto, en pequenas cantidades, é beneficioso para a saúde. A OMS deixou moi claro que non existe unha cantidade segura de consumo de alcol. É prexudicial en calquera cantidade, canta máis alta sexa esta, máis nocivo. É o que en ciencia denominamos dose-dependente. Por expresalo doutro xeito, pequenas cantidades terán un pequeno impacto sobre a saúde, pero en ningún caso unha persoa que consuma un pouco de alcol será máis saudable que unha abstemia.
  • O mito de "facer a dixestión" antes de bañarnos. En cada casa era un tempo diferente entre unha e tres horas, e podía facerse ou non excepción coa merenda. Aínda que é certo que dixestións moi copiosas poden producir problemas se provocamos un cambio brusco na temperatura do noso organismo, como o que se dá ao meterse no mar repentinamente, en xeral basta con ter a precaución de entrar na auga de xeito progresivo
  • Os conservantes son malos. Este se cadra non é tan popular actualmente, pero durante os noventa desatouse unha auténtica febre anti-aditivos. Os conservantes de por si non son malos, e permiten unha seguridade alimentar imposible se non existisen. É beneficioso darlle prioridade na nosa dieta aos alimentos frescos e pouco procesados, pero para certas preparacións os conservantes son imprescindibles.
  • A lactosa é mala ou non é natural tomala despois do aleitamento. Aquí mestúranse mito e realidade. Por unha banda, é certo que parte da poboación mundial non sintetiza a lactasa (a enzima que nos permite dixerir os produtos lácteos) porque non é frecuente que estean incluídos na súa dieta. Por outra, os lácteos forman parte da dieta en Occidente dende hai milenios, e só unha pequena parte da poboación é intolerante. Por tanto, pasa como co glute: é malo se non o toleras.

Seguro que me esquezo de moitos e que vós coñecedes moitos máis mitos alimentares.

Comentarios