Opinión

MIR

Esta fin de semana tivo lugar a convocatoria dos exames para acceder á formación como residente de todas as áreas sanitarias. O famoso MIR (médica interna residente) pero tamén residentes de enfermería, farmacia, química ou física sanitaria.

Calquera que preparase unha oposición sabe o que supón e como se vive, así que non me estenderei no proceso en si. Na miña opinión, a mera existencia do exame MIR supón un paso importantísimo para regular o acceso a unha profesión que antes era terriblemente endogámica e onde o nepotismo era a norma.

Ademais, o procedemento é exemplar e podería ser a referencia para outro tipo de oposicións: as preguntas escóllense ao azar dos centos que se elaboran, e os exames son desprecintados simultaneamente en todo o estado, diante das opositoras, custodiados por persoal de seguridade. O luns seguinte da convocatoria publícanse as respostas e ábrese o prazo de impugnación.

Dous meses despois, estás tomando posesión da túa praza. As probas son anónimas e o seu contido é público e suxeito a debate e impugnación unha vez finaliza o proceso. De feito, todos os anos hai preguntas que son anuladas por defectos na redacción, porque as respostas non se axustan á pregunta ou por non estar actualizadas. 

Estas oposicións teñen unha peculiaridade, que nelas non accedes a unha praza como funcionario público, senón a un período de formación. Tras os catro ou cinco anos que dura a residencia, terás que volver presentarte a máis probas para acceder á condición de funcionaria. Isto implica, ademais, que o salario dunha persoa durante a residencia é moitísimo menor que o dun especialista, polo que para o sistema sanitario é moi atractivo convocar cantas máis prazas MIR mellor, porque acaban facendo o mesmo traballo por aproximadamente a metade do salario. 

A idea de que os residentes de Medicina de Familia e Comunitaria no último ano de formación cubran as prazas vacantes de Atención Primaria vai nesta mesma liña, e por iso non vai ter éxito. As profesionais estamos fartas de que se xogue coas nosas condicións laborais e que se inventen artimañas en lugar de responder ás demandas do colectivo, que se resumen en condicións laborais dignas. Tampouco se cobren as prazas que se ofertan no propio MIR, e o motivo é o mesmo: queremos facer ben o noso traballo e non podemos.

Comentarios