Opinión

Memoria musical

Seguro que vos pasa máis de unha vez que tedes unha melodía na cabeza que se repite constantemente.  A música "pégase". Especialmente certos patróns melódicos simples poden ter esta característica "pegañenta". Seguramente, tamén tedes a experiencia de lembrar con extraordinaria exactitude unha canción de hai anos, cando non recordades moitas cousas desa época.

Direivos máis: o noso cerebro procesa esta información de xeito completamente diferente a outro tipo de memoria. Incluso en persoas sen formación musical, cando lembramos unha melodía podemos recordar con bastante precisión o ritmo e as notas, que parecen codificarse dun xeito diferente que a letra. Sempre me resultou curioso que cando o público canta espontaneamente nos concertos, afina bastante ben e sobre todo, mantén o ritmo. Podemos seguir o ritmo dunha melodía a pesar de non coñecer exactamente as palabras.

Sabemos que a nosa memoria está influenciada de xeito moi poderoso polas emocións, e a música resulta para os seres humanos (e posiblemente para outros mamíferos con sistemas nerviosos complexos) fondamente emocional. Lembramos mellor aquilo que ten unha correlación emocional potente, e tendemos a esquecer o que non ten repercusión afectiva. Cando escoitamos unha vella canción, inmediatamente evocamos tamén as sensacións que nos producía, ou momentos da nosa historia vital coa que a relacionamos. Para que isto aconteza son necesarias moi poucas notas, de media entre tres e seis son suficientes para recoñecer unha peza coñecida e para desencadear respostas emocionais.

Ademais, a memoria musical é tamén extraordinariamente persistente. Pacientes con demencia avanzada, con dificultades incluso para recoñecer rostros de familiares, poden cantar ás veces pezas populares na súa mocidade e evocar recordos grazas a elas.

Todo isto supón un reto para a neurociencia, porque non entendemos moi ben que avantaxe evolutiva pode ter esta capacidade humana con relación á música, ata o punto de posuír áreas cerebrais específicas, do mesmo xeito que existen áreas da linguaxe. En que nos axudou a sobrevivir recoñecer ritmos e notas? Ten que ver coa linguaxe ou é unha capacidade independente? Por que a nosa memoria selecciona de xeito tan especial ese tipo de información en concreto? Se cadra a próxima vez que teñades "pegada" unha canción, veredes este curioso fenómeno doutro xeito.

Comentarios