Opinión

Medo

Existen dous tipos de persoas: as que adoran pasar medo e as que o detestan. Un medo controlado, claro, como o que nos producen os filmes de terror ou as atraccións de feira. A ninguén lle gusta a sensación de medo cando pode implicar un dano real, porque está aí precisamente para advertirnos de que algo non vai ben. Evolutivamente, o medo advírtenos de que tratemos de saír o antes posible dunha situación. Entón, por que hai quen desfruta desta sensación?

Os seres humanos posiblemente levamos toda a nosa historia como especie meténdonos medo a nós mesmos por moi diversas razóns: para ensinar algo, para controlar a conduta doutros individuos e tamén, polo que parece, para divertirnos. Incluso en crianzas moi pequenas podemos observar esa curiosa relación susto-risa. O medo activa unha chea de actividade nos nosos cerebros, unha descarga de neurotransmisores como dopamina (a substancia que controla a actividade e a atención) e adrenalina. O medo actívanos, céntranos e provócanos un "subidón" de enerxía. Para algunhas persoas esta sensación pode ser agradable, se se atopa nun escenario seguro no que sabe que non vai pasar nada malo. Ademais, pode haber unha explicación evolutiva: pode que nos guste escoitar historias "de medo" porque é un xeito de aprender sobre posibles perigos (reais ou imaxinarios) e xeitos de evitalos se nos cruzamos con eles. O cerebro humano está preparado para centrarse nos estímulos relevantes para a supervivencia, e xeralmente eses estímulos teñen que ver co perigo. Por outra banda, nas nosas vidas actuais hai moi poucas situacións nas que experimentemos medo real e inmediato, e eses circuítos no noso cerebro, que teñen que ver con emocións moi primarias de ataque-fuxida, actívanse pouco. Tamén hai persoas que non gostan exactamente da sensación de medo, senón máis ben da superación persoal que deriva de expoñerse e "soportalo". Isto pode producir unha mellora da autoestima e da impresión de competencia persoal. O medo é algo moi persoal, e aínda que hai temas que son universais, cada persoa pode sentirse máis apelada por un estímulo que por outro: a escuridade, o sobrenatural, a morte e certos animais ou insectos son os máis frecuentes, pero tamén hai persoas que senten temor intenso cara a estímulos menos inmediatos, como as máscaras ou os espazos pechados, ingredientes habituais dos relatos terroríficos. E ti, a que grupo pertences?

Comentarios