Opinión

Medicina moi tradicional

Achar un esqueleto cun pé amputado non é nada extraordinario, porque os seres humanos levamos practicando este tipo de intervencións durante miles de anos. O que fai deste descubrimento algo único é que se trata dun individuo que foi amputado na infancia hai nada menos que 31.000 anos. A ferida curou e recibiu algún tipo de coidado que fixo que non se infectase nin se desangrase, o cal permitiu que o mozo sobrevivise á operación. Trátase dun exemplo extremo, o máis antigo do que se ten constancia, e vén demostrar que xa dende o Paleolítico as persoas coidabamos unhas das outras empregando técnicas que só se poden describir como medicina.

Na Antigüidade existen múltiples exemplos de procedementos asombrosamente complexos que se aplicaron moito antes da existencia do método científico. Algúns deles partían de ideas máxicas ou erróneas, pero moitos chegaban a solucións enxeñosas e eficaces por observación e ensaio-erro. No Antigo Exipto, hai máis de 4000 anos, xa se empregaban próteses para dedos ou dentes perdidos, fabricadas con extraordinaria delicadeza. Tamén realizaban cirurxías de cataratas cunha técnica que consistía en desprazar o cristalino dentro do ollo cun obxecto punzante. Como curiosidade, no Exipto faraónico as mulleres exercían a medicina e incluso tiñan algo semellante a agrupacións profesionais.

Noutras culturas vemos exemplos de trépanos, un procedemento consistente en perforar o cranio para aliviar a presión intracranial, e os individuos que se sometían a esta intervención tan perigosa con frecuencia sobrevivían, xa que atopamos as caveiras con signos de que o óso perforado curou tras a perforación.

Na Grecia clásica non eran tan afeccionados ás cirurxías pero contaban con coñecementos médicos moi avanzados no referido á hixiene, que para eles abarcaba moitos aspectos da vida. A limpeza, pero tamén a alimentación e o exercicio físico estaban baixo a advocación da deusa Higeia. Eran conscientes de que estes elementos eran esenciais para preservar a saúde e evitar a enfermidade.

Na era da medicina científica, non deixa de emocionarnos como as persoas que viviron moito antes ca nós tiveron o enxeño e sobre todo a preocupación polos seus semellantes que lles permitiu chegar a estes fitos da medicina moi, pero que moi tradicional.

*Podedes ler o artigo orixinal aquí: https://www.nature.com/articles/s41586-022-05160-8

Comentarios