Opinión

Medicina de Triaxe

Escoito constantemente nos medios repetir unha idea, unha consigna: “vai chegar un momento no que haxa que escoller quen quen salvar e quen deixar morrer”. Dáse a entender así que se van priorizar medios para salvar a vida a persoas con máis posibilidades de supervivencia, por diante doutras que teñen menos. Sinto informar que isto é algo que se fai cada día, cada intre, en todos os hospitais do mundo, con ou sen coronavirus.

Non pretendo quitar gravidade a actual crise sanitaria, provocada pola falta de medios humanos e materiais que se vén producindo nos últimos anos coa destrución e desmantelamento da sanidade pública. Esta falta de medios, especialmente nos dispositivos máis altamente especializados como as UCIs, pode producir efectivamente falecementos de individuos que noutras circunstancias sobrevivirían. É unha cuestión política e de xestión, non sanitaria. Dito isto, nun sistema sanitario público e universal como o que aínda desfrutamos, unha das cuestións a ter en conta é a xustiza e a equidade. Os medios, aínda no mellor dos casos, nunca son infinitos, e é necesario empregalos de xeito que se produza o maior beneficio ao maior número de persoas. É por isto polo que unha boa praxe pode ser non empregar procedementos ou terapias custosas, complexas ou altamente invasoras en doentes que non van achar un beneficio nelas. Un transplante, unha cirurxía ou un ingreso en UCI pode ser un destes escenarios nos que é preciso decidir se unha persoa determinada se vai beneficiar dun certo procedemento. Imos prolongar a vida desa persoa? Canto? Con que calidade? Imos provocar máis sufrimento que alivio? O primeiro, como dixo Hipócrates, é sempre non causar dano, e con determinadas intervencións podemos causar máis dano que ben.

Hai tamén un certo pracer malsán en como se repite esta idea nalgunhas ocasións. Parecen insinuar que é aceptable deixar morrer ás persoas máis anciás polo mero feito de selo, nunha sorte de darwinismo mal entendido. A idade pode ser un factor para esta redistribución xusta de recursos que se dá na medicina, pero non é o único nin ten por que ser o principal. Non se trata de facer unha especie de euxenesia nin de negar recursos a certos grupos vulnerables, senón de empregar os medios da mellor maneira e neste caso, de non facer demagoxia coas decisións médicas en momentos de especial carga de traballo.

Comentarios