Opinión

Máscaras

As persoas que traballamos na Sanidade levamos uns días horrorizadas. Non precisamente polo avance imparable do coronavirus, senón pola completa desinformación e escasa solidariedade fomentada polos grandes medios de comunicación. Concretamente, o feito de que se esgoten as máscaras sanitarias nas farmacias e nos hospitais (estas últimas roubadas directamente por parte do propio persoal, que hai que repartir as culpas) coloca en grave risco ás persoas inmunodeprimidas, que as empregan para evitar contaxios de enfermidades infecciosas que se transmiten por microgotas ou por fluídos. Para as persoas transplantadas, inmunodeprimidas ou con doenzas oncolóxicas o perigo non é o coronavirus en concreto, senón calquera tipo de virus que lles poida provocar, no canto dun arrefriado común, un grave problema respiratorio.

Os virus respiratorios transmítense case todos eles por diminutas gotas de líquido que expulsamos ao falar e por contacto con fluídos corporais, xeralmente a través das mans. Por isto, as principais medidas que hai que ter en conta no caso de ter calquera síntoma de tipo respiratorio, e como medida de hixiene xeral, son o lavado de mans e tusir ou espirrar en panos de papel desbotables ou na cara interna do cóbado. Estas son todas as medidas que a OMS propón para control das enfermidades respiratorias na poboación xeral. Por suposto, no caso de persoas das que se sospeita risco de infección pola sintomatoloxía que presentan e polos lugares nos que estiveron nos últimos días, as medidas para previr o contaxio son máis estritas, e poden incluír máscaras. Porén, o seu uso xeneralizado na poboación sa non parece que preveña nada e non está demostrado que diminúa o risco de contaxio, polo que non se recomenda. Tampouco a hixiene de mans con produtos específicos, como xeles desinfectantes, parece que preveña o contaxio máis aló do simple lavado con auga e xabrón. O problema, dende o meu punto de vista, é conceptual. Todas estas medidas van dirixidas a que un individuo portador diminúa a posibilidade de contaxiar outras persoas, pero a compra compulsiva de máscaras é un acto completamente egoísta, que pretende evitar o contaxio persoal e non a expansión da enfermidade. Non lles importa tanto non contaxiar como non ser contaxiados. No mellor dos casos, denota descoñecemento e, no peor, pura indiferenza cara á saúde do resto das persoas

Comentarios