xoves 03/12/20

Máis radiacións (solares)

Hai un par de semanas falabamos aquí das diferenzas entre radiación ionizante e non ionizante, e por que as tecnoloxías móbiles non poden causar problemas para a saúde humana. A preocupación sobre o 5G, inocuo, contrasta coa despreocupación cos efectos doutra radiación, esta si ionizante, e polo tanto con capacidade para crear dano celular e incluso cancro. Falo da luz solar, e escribo isto con varias partes da miña superficie cutánea afectada en diferentes graos por queimaduras solares, que serven de inspiración para o artigo.

Como xa falamos, a radiación ionizante é aquela que contén enerxía suficiente para alterar as células dos organismos vivos. No caso das células da nosa pel, cando reciben a radiación ultravioleta do sol aumentan a súa produción de melanina como xeito de defenderse do dano que esta lles causa. Se a radiación é suficientemente intensa e prolongada, pode sobordar a capacidade das células para producir melanina e ocasionar danos no seu ADN. Cando isto acontece, prodúcese unha reacción celular chamada apoptose ou morte celular programada: as células “suicídanse” porque, de continuar funcionando e reproducirse, propagarían ese ADN danado. As queimaduras son, pois, unha apoptose masiva das nosas células epidérmicas, que é o que orixina que pasemos dun atractivo dourado (melanina) a un vermello lagosta nada favorecedor (apoptose). Ás veces, o proceso de apoptose falla, e o dano celular transmítese nas sucesivas xeracións celulares. Cando isto pasa, pode provocar cancro de pel, moi perigoso e directamente relacionado con exposicións prolongadas, sen protección, ou con uso inaxeitado de lámpadas UVA. A exposición intensa e intermitente aumenta o risco de padecer melanomas, mentres que a exposición prolongada e crónica está relacionada con carcinomas de pel. Ambos os tipos están aumentando, posiblemente en relación aos nosos pouco recomendables hábitos con respecto do sol. Se a túa pel é clara, se tes pencas ou lunares e se te queimas con facilidade, tamén tes máis propensión a padecer estas enfermidades. Ademais das cremas ou locións protectoras, é moi boa idea empregar parasoles, sombreiros de ala ancha e lentes de sol. E sobre todo, non fagades coma min e non quedades durmidas ao sol. Feliz verán!

comentarios