Opinión

Máis sobre a eutanasia

No filme Mar Adentro, que narra a loita de Ramón Sampedro polo seu dereito a unha morte digna, hai unha escena na que un crego que tamén padece unha tetraplexía trata de convencelo para que abandone a súa cruzada pola eutanasia. Aínda que a conversa entre ambos xira en torno a argumentos subxectivos e dificilmente asumibles nun debate racional (sentido da vida, espiritualidade...), visualizamos outros elementos que si poden xogar un papel e non se explicitan. Sampedro aparece deitado nunha cama, nun domicilio con barreiras arquitectónicas notables e asistido pola súa familia labrega, que viu a súa situación económica comprometida polo estado físico de Ramón. O relixioso acode nunha cadeira de rodas eléctrica e cun asistente persoal. Aínda que a discapacidade poida ser a mesma, as circunstancias son ben diferentes.

Resulta vergoñento que en pleno século XXI exista aínda a dúbida sobre se é lexítimo ou non que persoas con enfermidades graves e incapacitantes decidan como e cando queren poñer fin ás súas vidas. Aínda así, vale a pena reflexionar sobre os motivos que as poden levar a esta decisión. Pode alguén solicitar a eutanasia, non polos efectos da patoloxía en si, senón polas condicións materiais nas que vive? Podemos preguntarnos se unha persoa que padece unha doenza dexenerativa pode querer acelerar a súa morte porque non ten acceso a asistencia, non percibe recursos económicos suficientes e supón unha carga económica e de coidados para a súa contorna. Ou se, aínda que tomase igualmente esa decisión, o momento podería ser outro se tivese os medios suficientes.

Despois dos severos recortes que sufriu a lei de dependencia, polos que persoas con graves discapacidades quedaron sen percibir axudas e sen acceso a recursos, coido que é un debate que debera estar sobre a mesa estes días. Mención á parte merece a situación nas residencias, da que falei xa nesta columna. Non nos centremos na falsa dicotomía entre coidados paliativos e eutanasia (como se uns excluísen á outra) nin entre a postura xudeo-cristiá e a visión laica e garantista de dereitos que debera ter calquera estado (minimamente) democrático. A pregunta debería ser se estamos en condicións de asegurar que cada petición de eutanasia será unha decisión verdadeiramente libre e non condicionada pola pobreza ou a escaseza de medios materiais.

Comentarios