Opinión

Machismo e saúde

Os prexuízos machistas atinxen todas as áreas da vida, e a medicina e a saúde non podían ser diferentes. A saúde das mulleres vese seriamente comprometida polos estereotipos, ideas erradas e malas prácticas que se dan na investigación biomédica e na asistencia. Dende os primeiros estadios do deseño dunha investigación ata a consulta da médica de atención primaria e as diferentes especialidades podemos atopar exemplos destes nesgos. En primeiro lugar, a propia escolla das patoloxías que máis se investigan e ás que se destina máis financiamento adoitan ser as que máis padecen os varóns en idade laboral. Enfermidades como o infarto de miocardio estúdanse máis que, por exemplo, a osteoporose e incluso que outras doenzas cardiovasculares máis frecuentes nas mulleres. Nun segundo nivel, no desenvolvemento de fármacos era frecuente ata non hai moito excluír as mulleres dos estudos, coa idea de que as variacións hormonais podían afectar aos resultados. Isto ocasionaba que posteriormente as mulleres sufriran máis efectos secundarios que os homes, ao non ser parte dos suxeitos de observación. Desta maneira, o varón adulto convértese no patrón ouro da investigación, obviando as diferenzas fisiolóxicas.

Máis adiante na cadea, a pesar de que as mulleres consultan en xeral en fases máis precoces das doenzas e empregan mellor os diferentes chanzos do sistema sanitario (menos consultas urxentes e máis en atención primaria) moitas veces son percibidas como esaxeradas, queixosas e demasiado demandantes.

Ante a mesma sintomatoloxía, é máis probable que un home sexa derivado a consultas especializadas ou que se lle soliciten probas diagnósticas complexas. Na mesma situación, as mulleres con máis frecuencia saen da consulta cunha prescrición de analxésicos ou psicofármacos, e non se realiza diagnóstico diferencial de posibles causas graves. Ante síntomas físicos pouco específicos, como dores musculares, cansazo ou cefaleas con máis frecuencia solicítase consulta de saúde mental 

Este tipo de enfoques colocan no centro os individuos masculinos e ignoran as diferenzas, tanto as de tipo biolóxicas como as sociais, de condicións de vida e de cargas de traballo e familiares. Son tamén unha expresión máis do machismo que aínda nos rodea e que repercute negativamente na vida e na saúde de miles de mulleres. 

Comentarios