Opinión

Luces

Aínda que culturalmente relacionamos as luces do Nadal coa alegría e a felicidade, para moitas persoas teñen un efecto máis ben deprimente. Ver as rúas iluminadas e cheas de xente pode inducir sentimentos de tristura, ansiedade ou nostalxia. Non se trata de ningún efecto biolóxico da iluminación excesiva, aínda que en determinadas áreas pode estar próxima a provocar epilepsia.

No Nadal aumentan as asistencias a Urxencias e empeoran os trastornos do estado de ánimo, que se ven condicionados ou producidos en gran medida por factores psicosociais. Nestas datas fanse máis evidentes as ausencias de persoas queridas e tamén as situacións que non encaixan coa familia ideal e normativa que se supón que todas nós debemos ter e case ninguén ten. A presión por encaixar neste ideal, os conflitos con persoas coas que só compartimos ADN pero non valores, e coas que nos vemos tendo que compartir espazos nestas datas, sumada á sensación de que todo o mundo é obrigatoriamente feliz, pode ser un fardo moi pesado.

Nas culturas do sur de Europa a cohesión familiar e os compromisos que leva consigo continúa a ser algo central nas nosas vidas. Isto ten indubidablemente múltiples beneficios, tanto para a saúde mental como de tipo social. Pero tamén pode producir unha serie de crenzas estereotipadas e pouco realistas que non nos axudan a relacionarnos dun xeito saudable. Case todas nós fomos criadas na idea de que o vencello máis importante é o familiar, e que é obrigatorio sentir amor e agradecemento polas persoas que forman parte deste grupo. Ademais, en moitas familias vívese como unha aldraxe a disensión ou a negativa explícita a compartir espazos con quen nos manca ou non nos respecta. Disto sabemos moito as mulleres e as persoas LGBTIQ, cando se nos insta a transixir con violencias simbólicas de todo tipo en nome da paz familiar.

As familias tamén poden ser electivas, está ben ter calquera tipo de sentimentos cara ás persoas coas que estás relacionada a nivel xenético, pero tamén tes dereito a decidir como e con quen queres pasar certas datas e se para ti son ou non motivo de celebración. Ningunha destas escollas te fai peor persoa nin peor filla, irmá ou nai. Tes dereito tamén a non sentirte feliz, a ser indiferente ou incluso a que che dean un pouquiño de repelús estas datas, e tampouco pasa nada. Só é outra volta máis arredor do Sol. Que non é pouco.

Comentarios