Opinión

Litio

O litio é sen dúbida o meu elemento químico favorito. En primeiro lugar, porque é riquiño, o seu nome en grego significa “pedriña”. En segundo, porque vale case virtualmente para todo. Para os condutores de electricidade e baterías que permiten o noso marabilloso mundo ultra-tecnolóxico, que leades isto nas vosas tabletas e móbiles e que os coches eléctricos circulen. Para inspirar cancións xeracionais como o Lithium de Nirvana e para tratar certas doenzas psiquiátricas, como o trastorno bipolar. Algunhas das recuperacións máis satisfactorias da miña vida profesional débollas ao litio, un mineral esencial que se extrae de pedras desérticas e vale un euro.

Antes dixen que vale para todo, pero realmente nada vale para todo. Hai pouco soubemos que un grupo de investigación galego está a experimentar con litio para o tratamento do coronavirus, con resultados esperanzadores. Se lemos a noticia completa, vemos que se trata dun número reducido de doentes con Covid que ademais padecían trastornos psiquiátricos tratados con litio. Os resultados son bos, pero preliminares. Isto quere dicir que aquí pode haber unha liña de investigación que vale a pena explorar, non que o litio cure a Covid como se apresuraron a titular algúns medios. Subindo a aposta, escoitouse tamén a disparatada suxestión de engadir litio á auga de bebida. Mellora o ánimo e cura o coronavirus, por que non? Asociábase tamén ao alto contido de litio natural na Galiza o carácter alegre (???) dos galegos. Non sei se somos un pobo particularmente alegre, o que si sei é que o litio non vai mellorar o ánimo de alguén sen un trastorno do humor, porque non é licor-café. Tamén sei que o litio pode ser tóxico e provocar danos renais e neurolóxicos crónicos, polo que ten que ser estreitamente controlado cando se administra. Botalo na auga da traída parece unha idea terrible falando dunha substancia potencialmente letal, aínda que farmacoloxicamente portentosa.

A idea dunha substancia milagrosa, unha panacea que cura todo, é bastante habitual nas pseudociencias, e de feito pode ser un bo indicador para detectalas. Se algo se vende como inocuo, sen efectos secundarios, bo para todas as doenzas e sen dose máxima, moi probablemente se trate dun timo, sexa lixivia ou kalanchoe. Os medicamentos de verdade teñen indicacións e contraindicacións, efectos positivos e adversos, doses recomendadas. Como o litio.

Comentarios