domingo 28/11/21

Lingua A, lingua B

Esta fin de semana estiven paseando pola Coruña e aproveitei para visitar o Aquarium Finisterrae. A parte positiva que podo sinalar é a fermosa sala inferior con referencias ao Nautilus de Jules Verne, e que merece ser a localización dun filme. A parte negativa, que atopei un emprego da lingua inxustificable nun espazo cunha clara vocación didáctica.

En primeiro lugar, vemos que a información aparece en galego e español, pero non en ambas linguas simultaneamente. A información científica atópase na parte superior, nunha tipografía neutra sobre fondo claro. Na marxe inferior, en cor amarela e nun tipo de letra que lembra a Comic Sans ou semellante, aparece un recadro en galego con comentarios sobre os produtos de tempada no mercado, refráns ou importancia de certos peixes na gastronomía propia de Galicia. Noutras seccións compártese información en galego (e unicamente en galego) que só podo cualificar como folclórica: viñetas representando personaxes con vestimentas supostamente tradicionais, desenvolvendo oficios como peixeira ou pulpeira e ditos populares sobre os produtos do mar. Por suposto, esta parte integramente en galego. O inglés non aparece por ningures. 

Teño moi boa opinión do enorme traballo realizado polos Museos Científicos Coruñeses polo seu esforzo en achegar o coñecemento científico ao público xeral, especialmente ás persoas novas e por tentar facelo sempre de xeito ameno e accesible. Precisamente por iso, entristéceme enormemente esta mostra de diglosia quero pensar que involuntaria e a plasmación en forma de carteis de cores dos prexuízos ligüísticos: o castelán para o coñecemento científico e as cousas serias, o galego para as anécdotas, o popular, a gastronomía e os refráns. O castelán en Arial, o galego máis abaixo e en Comic Sans. Tendo o exemplo doutros museos nos que a información está simplemente replicada en castelán, galego e inglés, non podo comprender que levou á dirección desta institución a tomar unha decisión tan desacertada, sobre todo nun espazo claramente dirixido a público escolar. A mensaxe, voluntaria ou involuntaria, é clarísima: o galego só serve para cousas do cotián, do tradicional e do popular na súa peor acepción. Para as cousas serias xa temos o castelán. O inglés, a verdadeira lingua franca da ciencia, fica para outra ocasión.

Lingua A, lingua B
comentarios